A Comisión do pleno ourensán dá o visto bo ás ordenanzas fiscais para 2014 que conxelan os impostos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa sesión desta mañá o proxecto de modificación das ordenanzas fiscais para o ano 2014. De acordo coa proposta presentada polo goberno municipal, para o vindeiro ano conxelaranse a totalidade dos impostos locais (bens, vehículos, actividades económicas, construcións e plusvalías) e só aplicará o IPC (2,9%) ás 8 taxas correspondentes a servizos que se prestan en réxime de concesión.

O proxecto de modificación incluirá dúas emendas, ditaminadas favorablemente tamén esta mañá, presentadas a proposta dos grupos de PP e BNG,  polas que se suprimirá a taxa por expedición de tarxetas magnéticas de acceso de vehículos ao Casco Vello a persoas autorizadas, e se engade ao colectivo de desempregados como beneficiarios da tarxeta milenio gratuíta para o uso do servizo municipal de autobuses urbanos. Esta medida fora aprobada no pleno do Concello do pasado mes de agosto. O Concello de Ourense ven traballando para a súa próxima implementación, coa previsión de que a expedición das tarxetas para desempregados poda comezar a realizarse antes de que remate o presente ano 2013.

A emenda para a supresión da taxa (42,55 euros) por expedición de tarxetas magnéticas foi aprobada cos votos favorables dos grupos municipais de PP e BNG e as abstencións de PSdeG-PSOE e DO. A emenda sobre transporte urbano recibiu os votos favorables de PSdeG-PSOE, PP e BNG, con abstención de DO.

A proposta de modificación das restantes ordenanzas fiscais foi ditaminada favorablemente cos votos a favor do PSdeG-PSOE e abstención dos restantes grupos.

O expediente será incluído na orde do día do Pleno ordinario do Concello do vindeiro venres, día 8 de novembro para a súa aprobación inicial.

Na mesma sesión, ditaminouse favorablemente a ordenanza reguladora de taxas polo uso e prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais e a ratificación do convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo no marco da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. En caso de aprobarse en pleno, se incorporará á documentación do novo Plan Xeral.

Conxelación de impostos e actualización de 8 taxas

Das 27 ordenanzas fiscais reguladoras de taxas e impostos vixentes no Concello de Ourense só se modificarán para 2014 as tarifas de 8 delas, para aplicar o IPC, equivalente ao 2,9%.  O goberno municipal adopta esta decisión coa vontade de axudar ás familias ourensás, de xeito que non aumente a presión fiscal en materia de impostos e reducir a modificación de taxas a aquelas nas que por contrato é necesario.

Tódalas ordenanzas reguladoras de impostos municipais seguirán sen modificación para 2014. É o caso das relativas aos impostos como de Bens Inmobles (IBI), Vehículos de tracción mecánica (IVTM), Incremento do valor dos terreos de natureza urbana (Plusvalías), Construcións, instalacións e obras (ICIO) e Actividades Económicas (IAE)

Das taxas pola prestación de servizos públicos, únicamente se actualizará, no equivalente ao IPC do ano 2012 aqueles relativos a servizos xestionados de xeito indirecto, a través de concesións administrativas, nos que o contrato existente prevé a actualización anual do IPC.

A variación será dun 2,9% equivalente ao IPC do ano 2012, nas taxas polos servizos de suministro de auga; alcantarillado, tratamento e depuración de augas residuais; recollida de lixo; acarreo de carnes; matadoiro; recollida de vehículos da vía pública; ordenación e regulación de aparcamento en vía pública; e prestación do servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros.

No caso da ORA, a variación das tarifas, como en anos anteriores, realízase variando o tramo horario, sendo o período máximo de estacionamento 2 horas e 14 minutos.

No caso da ordenanza pola prestación do servizo de autobuses urbanos, modíficanse os artigos 7.3 e 7.4 introducindo novos re        quisitos para a expedición das tarxetas milenio terceira idade e pensionistas. Os beneficiarios deberán estar empadroados no municipio  cunha antigüidade de 6 meses e acreditar unha capacidade económica inferior ao 150% do IPREM.

Mantéñense nos mesmos importes ca no presente ano, sen experimentar incremento as restantes taxas, como son as do servizo de extinción de Incendios, licenzas de apertura, servizos fúnebres, expedición de documentos administrativos, subministración de información ambiental, licenzas urbanísticas, utilización do dominio público local, actividades para a xuventude, aproveitamento especial do dominio público local, instalacións deportivas, quioscos, utilización das instalacións do Auditorio, etc.

Aprobación por parte do Pleno do Concello

O proxecto de modificación será presentado a aprobación provisional por parte do Pleno este venres e posterior exposición ao público, para que os interesados podan presentar reclamacións se o estiman oportuno. Rematado o período de exposición pública adoptarase acordo definitivo, resolvendo as reclamacións que se presentaran e aprobando definitivamente en Pleno a modificación das ordenanzas fiscais. En caso de non haber reclamacións, entenderase definitivamente aprobado o expediente, sen necesidade de novo acordo plenario.

4 de novembro de 2013 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.