A cidade olívica acolle unha exposición do pintor vigués José Luis Sans Boga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle dende esta semana e ata o vindeiro 29 de novembro, a exposición do pintor José Luis Sans Boga. Baixo o título “A beira do camiño”, a mostra é unha recompilación dos seus últimos traballos pictóricos, un total de 14 cadros que amosan unha temática variada e están realizados na súa maior parte en óleo aínda que tamén conta con dúas obras de pequeno formato en acrílico.

A exposición está situada na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego e poderá visitarse dende o luns 4 de novembro e ata o 29 de novembro no horario de apertura do Rexistro, de luns a venres de 9,00 a 19,00 horas e os sábados, de 9,00 a 14,00 horas.

Esta mostra súmase ás múltiples exposicións de artistas e colectivos culturais que xa se realizaron na planta baixa do edificio –unha das últimas foi a do artista plástico Justo Ilhuicamina e a pintora Tere Fidalgo- así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou á organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras, sempre co obxectivo de abrir a Delegación da Xunta á participación cidadá. O edificio administrativo da Xunta en Vigo ábrese así á participación de artistas e colectivos culturais ofrecendo o seu espazo expositivo a todos aqueles que estean interesados en amosar as súas obras.

O pintor José Luis Sans Boga

Natural de Vigo, José Luis Sans Boga é graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Amosa unha importante traxectoria pictórica dende o ano 1987, cando comezou a amosar as súas creacións nas salas de exposicións da cidade viguesa. Tamén levou as súas mostras a concellos do resto de Galicia e incluso Portugal.

A súa colección, “A beira do camiño”, e coma explica o propio autor, está dedicada “a un gran admirador cuxo alento sempre próximo sempre deixa unha importante pegada na miña obra”.

7 de novembro de 2013 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.