A cidade herculina acollerá o sorteo da Lotaría Nacional do próximo 30 de novembro
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que a cidade acollerá, o próximo 30 de novembro, o sorteo da Lotaría Nacional. Tal e como explicou, celebrarase en Palexco ás 13.00 horas: “Deséxolle sorte a todos os coruñeses e espero que a cidade se leve algún belisco”, manifestou.
Carlos Negreira informou de que o motivo da celebración do sorteo é a vinculación da cidade coa ciencia aproveitando a proximidade da organización da Semana da Ciencia: Onde hai ciencia, acode a fortuna, asegurou e recordou que A Coruña, ademais de ser sede de tres Museos Científicos e do MUNCYT, vén de recibir a distinción de Cidade da Ciencia e a Innovación por parte do Goberno de España. O sorteo será o sétimo que se celebre na cidade, tras os realizados en 1970, 1989, 1994, 2003, 2005 e 2008.
VIAIS UNIVERSIDADE E MOBILIDADE
O alcalde tamén avanzou que o Concello cumprirá unha demanda de toda a comunidade universitaria ao reservar, no presuposto de 2014, unha partida de 340.000 euros destinada ao asfaltado dos accesos aos campus universitarios: “Son uns viais competencia da Universidade e non do Concello, pero é verdade que toda a zona rexistrou un aumento do tráfico non universitario, sobre todo polas obras da Terceira Rolda, así que imos axudar neste caso, co obxectivo de mellorar os accesos ao campus dentro da nosa clara política de colaboración institucional”, sinalou.
Por outra parte, Carlos Negreira confirmou que o Concello se puxo en contacto coa Delegación do Goberno para estudar posibles medidas que poidan paliar o nivel de sinestralidade detectado na curva de Servisa. Por último, o alcalde subliñou que o obxectivo do Goberno local é que o bonobús social non suba en 2014: “O noso obxectivo é que este bonobús social, que afecta a xubilados, desempregados e universitarios, non suba. Mantemos a nosa aposta polo transporte público”, concluíu.











