A Casa da Cultura de Boiro inaugura a exposición de fotografía “Nove x 9”
O proxecto “Nove x 9” concebíuse a partir dun obradoiro de narración fotográfica, dirixido polo fotógrafo Carlos Puga, que un grupo de amantes da imaxe iniciaron hai uns meses na comarca.
Cun formato premeditadamente homoxéneo e común pero con moi diferente contido, esta mostra pretende amosar oito diferentes formas de expresión artística a través da arte fotográfica. Así, os autores revelan e experimentan dende os seus temores, soños ou desexos ata as súas cotidianidades, ilusións ou visións estéticas, nunha proposta que busca no espectador a complicidade, un punto de reflexión ou mesmo a sorpresa. O grupo de autores está formado por Virginia González (Ribeira), Enrique Gutiérrez (A Pobra do Caramiñal), Anabel Lee (A Pobra do Caramiñal), José Antonio Lojo (Palmeira), Mecky Maceiras (A Pobra do Caramiñal), Joaquin Pérez (Palmeira), Olegario Sampedro (Ribiera) e Rosana Viturro (Boiro).
A exposición, que xa foi exhibida na Pobra do Caramiñal e en Rianxo visitará, en vindeiras datas, outras localidades da bisbarra.











