A bienal de arquitectura do Ministerio de Fomento, “BEAU XII”, incluirá a Casa do Concello de Lalín en tempo real
Estos días os integrantes de “Taller de Casquería”, Ledo Pérez e Jorge Sobejano, espazo de organización colectiva que agrupa creadores contemporáneos da escena artística internacional e entidade encargada de producir a exposición Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo 2013, “BEAU XII”, promovida polo Ministerio de Fomento, veñen de instalar na Casa Consistorial de Lalín tres cámaras que retransmitirán en directo, o día en que a mostra se inaugure en Madrid, o 14 de novembro, imaxes do emblemático edificio lalinense premiado nesta duodécima edición.
O edil de Urbanismo e Vivenda, Román Rodríguez, que mantivo un encontro cos representantes do “Taller de Casquería” aproveitando a súa recente visita ao Castro Tecnolóxico explica que “se trata de tres cámaras dun tamaño mínimo e de última tecnoloxía que proporcionarán imaxes en directo da Casa do Concello desde as súas diferentes localizacións”. Neste sentido sinala que “unha está colocada no exterior do Concello, na praza interior; outra no vestíbulo de entrada e unha terceira na primeira planta, que captará o ir e devir de persoas polas escaleiras circulares de acceso, un dos elementos máis representativos do noso <Castro Tecnolóxico>”.
Segundo comenta Ledo Pérez, de “Taller de Casquería”, trátase de “cámaras <Arecont Vision>, as menores cámaras do mundo e de maior calidade en canto a reproducción de imaxe e ademais cunha moi fácil instalación”.
ARQUITECTURA EN TEMPO REAL
“BEAU XII” que se abrirá ao público na tarde do 14 de novembro no espazo “Matadero” de Madrid e que estará realizada coas 15 obras premiadas nesta edición entre as que se atopa o “Castro Tecnolóxico” baséase no concepto de “live architecture”, é dicir, arquitectura en tempo real, remarca Román Rodríguez. “Deste xeito, unha rede de cámaras, 3 desde Lalín, 10 desde Galicia e 37 desde diferentes puntos de España, retransmitirán en directo, vía streaming, aqueles espazos entendidos como os máis representativos das obras seleccionadas da Bienal”.
Combinaranse en “BEAU XII” as imaxes en directo das cámaras, coas procedentes dun banco de vídeos realizados a partir de visión dos usuarios dos edificios, gravados a través de smarthphones ou a través de capturas dixitais. Deste xeito a exposición da Bienal xerará un banco de información propio en constante crecemento desde o inicio da exposición.
“Taller de Casquería” concibe a exposición da Bienal como unha gran pantalla sobre a que se volca toda a información. Mostraranse os edificios seleccionados pola Bienal en conxunto, evidenciando as súas relacións e puntos singulares. En definitiva, trátase de que haxa interacción directa co usuario e o seu concepto, precisa o edil de Urbanismo.
ACTO INAUGURAL
O acto inaugural de “BEAU XII” está previsto para o xoves 14 de novembro coa chegada de autoridades ao recinto “Matadero” a partir das 18.30 horas. No transcurso do acto terá lugar a entrega dos premios aos 15 galardonados nesta edición. Ao remate sobre as 20.30 horas terá lugar o acendido da pantalla e performances, con accións en directo desde diferentes lugares, entre eles desde o espazo dedicado a Lalín e á súa Casa do Concello e que centrará a atención dos visitantes. Pantallas distribuídas en distintos espazos públicos, ademais do recinto “Matadero” retransmitirán conexións en directo do que ocorre na exposición.
“BEAU XII” poderase ver no “Matadero” ata o día 19 de xaneiro e despois comezará unha ruta itinerante por distintos países, entre os que están confirmados xa, por esta orde, Berlín, Rotterdam ou Sao Paulo e que ofrecerá a posibilidade de continuar abrindo espectros e miradas no mundo á Casa do Concello de Lalín. É posible que a mostra percorra algún país máis, asunto no que traballa “Acción Cultural Española” en colaboración directa co Ministerio de Fomento.
A Casa Consistorial de Lalín recibiu esta distinción a finais de xuño ao ser un dos 15 proxectos premiados da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo 2013 “BEAU XII” que concede o Ministerio de Fomento, un dos máis recoñecidos e prestixiados que se entregan en España a proxectos de urbanismo e arquitectura.
A esta Bienal concorreron 583 obras da que un experto xurado seleccionou un total de 164, das que os xuíces internacionais elixiron 27 finalistas de entre os que saíron os 15 premiados, dos que un leva nome de Lalín. Aínda que houbo catro proxectos galegos que foron galardoados, a Casa do Concello de Lalín foi o único dos galegos distinguido no apartado de símbolos cívicos.











