A biblioteca de Carral acolle unha mostra sobre “Memorias dun neno labrego” e o seu autor Xosé Neira Vilas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarral
A-
A+

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Cultura do Concello de Carral, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, presentan ao público na Biblioteca Municipal a mostra “Querido Balbino”, que serve para conmemorar os 50 anos da publicación do libro de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego.

Esta exposición itinerante ofrece algúns datos da biografía de Neira Vilas e a súa labor cultural xunto á súa muller Anisia Miranda. Describe o papel que xogaron na emigración mantendo viva a nosa lingua. Tamén se interpreta a importancia que supuxo Memorias de un neno labrego para a difusión da lingua galega, xa que este libro foi para varias xeracións o seu primeiro contacto coa lectura no noso idioma. Tamén explica a incidencia deste libro na literatura universal, acumulando máis de 15 traducións a outros idiomas.

Ademais dun audiovisual, a exposición ofrece fotografías da vida de Neira Vilas, as portadas das diferentes edicións, algúns documentos e cartas relacionadas coa publicación do libro, así como unha ducia de cadros realizados por diferentes artistas galegos.

A exposición, que estará aberta ata o 14 de novembro, recibirá a visita de Xosé Neira Vilas o venres 8 de novembro, que asistirá acompañado do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño. Logo da visita á biblioteca, participará nun acto que lle dedicarán os alumnos da ESO do Colexio Vicente Otero Valcárcel e que terá lugar no edificio social “Toñito Espiñeira”.

Esta non é a primeira visita que o escritor galego fai a Carral, xa que polo menos visitou noutras dúas ocasións o centro escolar de Carral, acompañado pola súa muller Anisia Miranda, e deixando en todos un grato recordo.

5 de novembro de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.