A Banda de Música de Ordes homenaxeará aos seus antigos compoñentes
O vindeiro sábado, 23 de novembro, a Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes organiza un acto de homenaxe a tódalas persoas que formaron parte da Banda de Música ao longo dos seus vinte e dous anos de historia.
Desde a súa estrea nos escenarios en 1991, máis de cen músicos pasaron pola banda, participando en infinidade de concertos e mesmo na gravación de dous traballos discográficos, o primeiro en 2004 e o máis recente, en 2010. Así mesmo, numerosos profesores, directores e directivos da Asociación Cultural traballaron arreo en prol do progreso e mantemento da formación.
O evento dará comezo ás 12:30 h. na casa da cultura de Ordes, cun concerto da banda de música, a propósito tamén da festividade de Santa Cecilia, patroa da música, o día anterior.
Seguidamente, cara as 13:15 h., terá lugar o acto de homenaxe aos ex-músicos da banda, antigos profesores, directores e membros da directiva fundadora.
Ao remate do mesmo, tódolos convidados participarán nun xantar de confraternidade na carpa que se instalará no campo da feira da vila. Haberá tamén unha quenda de sorteos, na que os asistentes poderán gañar desde un lote de produtos típicos de Ordes ata unha actuación da banda de música na data e evento que elixa o agraciado.
Á tardiña ofrecerase un novo concerto da banda, ao que poderán unirse os antigos compoñentes que así o desexen, e mais unha foliada a cargo de distintas formacións musicais da zona para continuar a festa ata o seu remate.











