A Banda de Música de Ordes abarrota a Casa da Cultura na homenaxe a máis de 80 antigos integrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+
Actuación da banda cos homenaxeados

Actuación da banda cos homenaxeados

A Asociación de Amigos da Música de Ordes rendeulle hoxe unha cálida e emotiva homenaxe aos máis de 80 excompoñentes cos que contou ao longo dos seus 22 anos de existencia. Un acto que encheu o auditorio da Casa da Cultura de Ordes e co que tamén se honrou á patrona dos músicos, Santa Cecilia, cuxa onomástica tivo lugar onte venres 22 de novembro.

Tras o concerto no que tocaron un total de cinco pezas, todos os homenaxeados foron requeridos no escenario para entregarlle os seus agasallos e diplomas de mans de Fernando Gontad, director da banda e de José Castro, Miguel Calvo e Lisardo Varela, presidente, vicepresidente e secretario da Asociación Amigos da Música de Ordes, respectivamente. Tamén houbo unha mención especial para os falecidos ao longo destes anos, que estiveron representados por varios dos seus familiares, os cales recibiron un emotivo e caluroso aplauso.

Finalmente o alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, acompañado de Manuel Mirás, alcalde do concello veciño de Oroso brindoulles aos músicos todo o seu apoio “para continuar con esta gran tarefa e este gran traballo que se está facendo  en nome deste pobo”. O edil afirmou “que aínda que corren tempos difíciles é necesario apoiar a cultura, algo que dende a Mancomunidade se ven facendo en celebracións como a de hoxe”. Manuel Regos referíase con estas palabras á colaboración que a nivel de infraestructuras se lle brindou para a instalación dunha carpa no Campo da Feira. Foi alí precisamente onde tivo lugar un gran xantar de celebración ao rematar a cita na Casa da Cultura.

Xa á tardiña nas rúas da vila volveuse a sentir o tocar da Banda de Ordes, nun concerto aberto ao público e no que tamén participaron moitos dos antigos integrantes que foran homenaxeados horas antes.

23 de novembro de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.