A Aula CeMIT impartirá en decembro un curso de iniciación á informática en Ferreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A aula de alfabetización dixital do Concello acaba de publicar a súa programación para o próximo mes, no que continúa a formación itinerante polas parroquias. Desta vez tócalle a Ferreira, onde se ofrecen prazas en dous horarios distintos para un curso de 12 horas no que nos ensinarán a dar os primeiros pasos no mundo da informática e da internet.

A acción formativa impartirase os días 2, 4, 9, 11, 13, 16, 18 e 20 de decembro en dúas sesións: unha entre as 10 e as 11.30 e outra de 11.30 a 13h. O curso -que terá lugar no local social da Seara, en Ferreira-pretende achegar coñecementos básicos sobre o manexo dun ordenador e sobre a navegación pola rede, como poden ser a procura de información ou a creación e xestión dunha conta de correo electrónico.

Para inscribirse ou solicitar máis información hai que dirixirse á Aula CeMIT do Concello, situada na casa da Cultura, chamar ao 616 016 793 ou enviar un correo -se se sabe, claro- a cemit.sansadurnino@xunta.es. Tamén hai máis datos ao respecto das actividades da rede a través da web https://cemit.xunta.es.

O curso de iniciación enmárcase no programa de formación dixital itinerante iniciado polo Concello, que xa pasou por Naraío e Santa Mariña e que este mes está en Bardaos. As entidades veciñais que desexen organizar algún tipo de actividade ao redor da informática ou internet poden propoñerllo a Carme Suárez -a técnica de alfabetización dixital e responsable da aula- de cara a ver a súa viabilidade e posta en marcha.

19 de novembro de 2013 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.