A Asociación Sociocultural de Minusválidos de Ferrol conta cun novo vehículo adaptado que dará servicio a 300 usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, fixo entrega esta mañá dun vehículo para a Asociación Sociocultural de Minusválidos da comarca de Ferrol. No acto estiveron presentes o presidente de ASCM, Anxo Garate, outros membros da xunta directiva e o deputado provincial Miguel de Santiago.

Con este novo transporte, a entidade poderá mellorar o seu servizo a máis de 300 usuarios. A Deputación provincial asumiu o 100% do custo deste vehículo que ascendeu a case 35.000 euros. Esta furgoneta ten 9 prazas e unha plataforma elevadora para poder transportar aos usuarios con cadeira de rodas polo que persoal auxiliar da asociación acompañará en todo momento aos usuarios. Tanto esta nova furgoneta como o resto de medios de transporte da asociación cubrirán as necesidades básicas dos usuarios, como levalos ás súas consultas médicas, aos colexios ou ás propias actividades da asociación.

Anxo Garate agradeceu tanto a Miguel de Santiago como a Diego Calvo “a axuda que, nestes tempos, permítenos ter un novo furgón diante da porta”, para despois lembrar que “sen esta colaboración non poderiamos continuar coa nosa actividade”.

Pola súa banda, De Santiago recoñeceu que “supón para min unha honra como concelleira e deputado poder traballar man a man con entidades que buscan a integración social dos que máis o necesitan”.

O deputado naronés puxo de manifesto que a Deputación da Coruña “trazou unha liña vermella nos servizos sociais que non imos traspasar”. “Cada euro provincial investido en asociacións como esta repercute de forma multiplicada en toda a sociedade e, por iso, o agradecemento é noso”, engadiu.

Diego Calvo coincidiu co deputado en “devolver o agradecemento, porque sen vós a Deputación non podería facer realidade estes proxectos”. O presidente, tras lembrar que a solicitude dunha furgoneta para ASCM viño da man de Miguel de Santiago, subliñou que “a institución provincial continuará apoiando a quen máis o necesita”.

“Sabemos que a vosa asociación ten máis necesidades e queremos que saibades que seguiremos ao voso lado para tentar solucionalas aos poucos e na medida do posible porque é fundamental a integración social e laboral que desempeñades en toda a comarca coa xente que máis o necesita”, relatou Calvo.

27 de novembro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.