A Asociación Síndrome de Down Vigo desenvolverá dous proxectos para mellorar a autonomía deste colectivo
A Asociación Síndrome de Down Vigo vén de desenvolver durante este ano dous proxectos enmarcados, respectivamente, no programa Iniciativa Xove e no de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse cos membros desta asociación, que estiveron acompañados por dirixentes da Federación Down Galicia.
O proxecto de voluntariado que se desenvolveu en colaboración con Down Vigo tiña como principal obxectivo apoiar a vida independente dos mozos e mozas desta entidade. Para conseguilo, 8 voluntarios realizaron 480 xornadas de acción voluntaria. Co obxectivo de mellorar a autonomía destas persoas, desenvolvéronse actividades centradas na aprendizaxe de habilidades e na adquisición dos coñecementos necesarios relacionados co funcionamento dunha vivenda, en convivencia real con outras persoas.
Por outra banda, un total de 21 mozos e mozas usuarios de Down Vigo constituíron o grupo de “Autoxestores” para desenvolver un proxecto dentro do programa Iniciativa Xove. Neste caso, a finalidade foi ampliar o desenvolvemento de capacidades destas persoas, adquirir novas destrezas sociais e aumentar a súa participación en actividades de ocio educativo.
Así, para avanzar neste camiño, os membros do grupo realizaron xuntanzas semanais, nas que se fomentou a comunicación a través do debate. Tamén participaron en actividades de ocio educativo en campamentos e albergues xuvenís, onde os propios mozos e mozas tiveron que planificar os programas, buscar os seus recursos de mantenza e decidir as actividades a realizar.
En total, na cidade de Vigo desenvolvéronse un total de 17 proxectos de Iniciativa Xove e 7 proxectos de voluntariado Xuvenil, o que supuxo un investimento nestes programas de educación non formal de case 84.000 euros.
Certificación oficial
Durante a xuntanza de , o responsable autonómico puxo en valor este tipo de actividades que permiten aos participantes adquirir “aptitudes interpersoais altamente positivas, como o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e autoconfianza”.
Neste sentido, fixo fincapé en que “hai que desterrar a idea equivocada de que participar nunha actividade asociativa ou de voluntariado é unha perda de tempo, xa que en día o desenvolvemento de actividades de educación non formal pode marcar a diferenza nos currículos académicos”.
Ao respecto do programa de Voluntariado Xuvenil, recordou que é o primeiro en toda España que aposta polo compromiso social directo da mocidade a través da incorporación de mozos e mozas de entre 16 e 30 anos como voluntarios en proxectos solidarios de entidades e concellos. Este ano participaron máis de 600 persoas nestas iniciativas. Ademais, grazas á Lei galega de acción de voluntaria de 2011 –aprobada por unanimidade- os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida.
Por outro lado, Iniciativa Xove é tamén un programa pioneiro de impulso á participación xuvenil mediante o financiamento de actividades propostas polos propios mozos e mozas. Desde que se puxo en marcha en 2010, foi o primeiro programa en todo o Estado que permitiu recibir axudas a grupos informais, ademais das que reciben as asociacións constituídas como tales. Este ano executáronse en Galicia 155 proxectos ao abeiro desta actuación.











