A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia organiza un encontro en Santiago
Encontro Autonómico, Descubre a nosa realidade! vaise celebrar este venres, 29 de novembro, ás 10:30 horas nas instalacións da Nave de Vidán de Santiago de Compostela (avda. da Mestra Victoria Míguez, 44).
A Presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), Mónica Álvarez San Primitivo, acompañada pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e polo Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, fará lectura dun manifesto co motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.
Durante a xornada, na que xa está confirmada a asistencia de 60 mulleres con discapacidade procedentes de toda Galicia, tamén se exporán materiais audiovisuais e fotográficos pioneiros en materia de violencia e muller con discapacidade, sendo a Psicóloga de ACADAR, Hadriana Ordóñez, a encargada de presentar este material.
A locutora do programa Convivir en Igualdade da Radio Galega, Clara de Saa, fará unha intervención para reflexionar sobre o tratamento da muller con discapacidade nos medios de comunicación. Posteriormente, a Vicepresidenta de ACADAR, Juana Tubío, falará do “empoderamento como prevención da violencia”.
Trala pausa do café, ás 12:40 h., a formadora e consultora en igualdade, Marina Lorenzo, tratará un seminario sobre “nomear para coñecer: a pertinencia dos indicadores de xénero” e pola tarde, a partir das 16:00 h as persoas asistentes poderán participar en obradoiros interactivos na abordaxe da violencia.











