A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia organiza un encontro en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornadas en Santiago

Xornadas en Santiago

Encontro Autonómico: Descubre a nosa realidade! é o lema que a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) propuxo para realizar en Santiago de Compostela unha xornada enmarcada nos actos que durante esta semana se estiveron organizando con motivo do Día internacional da non violencia contra as mulleres.  

Durante a apertura da xornada, a Presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez San Primitivo, estivo acompañada pola Secretaria Xeral de Igualdade,  Susana López Abella, e o Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga. Explicou a Presidenta de ACADAR que “Descubre a nosa realidade! é un Programa que naceu hai  tres anos co obxectivo de visibilizar a realidade das mulleres con discapacidade. Asemade, no ámbito da violencia, a realidade é aínda máis descoñecida xa que non aparecemos nas estatísticas e os recursos non están adaptados para dar unha atención en igualdade de oportunidades”.

Durante a intervención, a Secretaria Xeral de Igualdade incidiu en que “para erradicar a violencia é importante denunciar, que calquera que coñeza situacións de violencia que as denuncie ás autoridades” e tamén afirmou que “é necesario formar aos profesionais para que saiban detectar de forma máis rápida posible situacións de violencia entre as mulleres con discapacidade e, deste xeito, para que poidan actuar de maneira máis eficaz no seu tratamento”.

A Presidenta de ACADAR procedeu á lectura dun manifesto no que a entidade advirte da existencia de formas específicas de violencia contra a muller con discapacidade, dándose situacións de invisibilidade que non son tidas en consideración na planificación das políticas para erradicar a violencia nas mulleres e nenas nin visto pola poboación en xeral como un problema social ao que hai que dar resposta.

Durante a xornada, que congregou a 60 mulleres con discapacidade procedentes de toda Galicia, a Psicóloga de ACADAR, Hadriana Ordóñez, levou a cabo a presentación inédita duns materiais audiovisuais e fotográficos pioneiros na nosa comunidade, promovidos pola entidade en materia de violencia e muller con discapacidade.

Outra das intervencións realizadas durante o encontro autonómico foi a cargo da locutora do programa Convivir en Igualdade da Radio Galega, Clara de Saa, quen fixo unha reflexión sobre o tratamento que os medios de comunicación lle dan á muller con discapacidade.

Outra das ponencias da xornada foi a que relatou a Vicepresidenta de ACADAR, Juana Tubío, quen falou sobre o empoderamento como prevención da violencia e a capacitación das propias mulleres á hora de exercer os seus dereitos e as súas obrigas como cidadás activas na sociedade.

A última intervención da mañá foi sobre nomear para coñecer: a pertinencia dos indicadores de xénero, impartida pola formadora e consultora en igualdade, Marina Lorenzo e que incidiu na importancia de ter ferramentas como son os indicadores como medio de incidencia nas políticas públicas.

O Encontro Autonómico: Descubre a nosa realidade! estenderase ata as 19:00 horas nos que se desenvolverán tamén obradoiros interactivos na abordaxe da violencia na que se fará uso do material presentado no Encontro.

ACADAR

Acadar é a primeira entidade galega de mulleres con discapacidade constituída en setembro de 2009 por un grupo de mulleres con inquedanzas comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade galegas, de conseguir o seu empoderamento, de reivindicar o cambio social e ofrecer servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

Actualmente forman parte de ACADAR máis de medio centenar de mulleres con discapacidade de toda Galicia, e beneficiáronse dos servizos, actividades, programas e proxectos que desenvolven 507 persoas en áreas sobre saúde, prevención da violencia, promoción da participación social, alfabetización dixital  e redes sociais, formación en igualdade entre outros.

A consecución dos seus fins alcánzase con accións de formación, sensibilización, participación e actuacións nas distintas áreas como a saúde, formación, emprego, medios de comunicación, sexualidade, maternidade ou a violencia contra as mulleres con discapacidade; tamén se atende ás distintas etapas vitais das mesmas.

ACADAR forma parte da Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade e das federacións de Cogami Lugo e A Coruña. Participa activamente nas comisións da muller que puxeron en marcha as organizacións impulsoras da combinación da dobre transversalidade de xénero e discapacidade, e elabora propostas de mellora tanto a nivel público como privado.

29 de novembro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.