A ampliación do parque industrial de Pazos, en Verín, estará rematada no primeiro semestre do 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerín
A-
A+
Hernández na visita ás obras

Hernández na visita ás obras

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe a primeira fase das obras de ampliación do parque empresarial de Pazos na localidade ourensá de Verín, acompañado polos alcaldes de Verín e Monterrei, Juan Manuel Jiménez e José Luís Suárez, respectivamente; e o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.

Agustín Hernández explicou que “o Executivo Autonómico inviste nesta primeira fase un total de 2,4 millóns de euros e neste momento a obra, adxudicada á empresa Misturas S.A, xa está en curso e prevese o seu remate no primeiro semestre do vindeiro ano. Na actualidade xa se teñen realizado os movemento de terras, a obra civil do pozo de bombeo da rede de residuais, a obra de conducións de media e alta tensión á nova subestación eléctrica de Verín e actuacións para instalación de subestación eléctrica, situada nunha das parcelas desta primeira fase e actualmente en execución.

Esta actuación suporá incrementar en 70.500 metros cadrados a superficie do polígono, é dicir, nun 53 por cento, xa que actualmente dispón de 132.200 m². Este aumento responde a unha demanda real, xa que un 20% da superficie de ampliación esta actualmente reservada.

Primeira fase de ampliación

A superficie inicial da primeira fase desta ampliación é de máis de 70.500 metros cadrados, e máis de 46.500 m2 se reservan para solo empresarial; mentres que as zonas libres e verdes abarcan máis de 10.000 m2 e as áreas viarias e de aparcamento 10.600 m².

Grazas a esta ampliación poranse á venda 11 parcelas, cun tamaño que oscila entre 701 e 4.328 m2 cunha fronte mínima entre 20 e 35 metros e un índice de edificabilidade máxima de 0,85 e 1,00 m2/m2 e un grao de ocupación máxima de 70%.

Para todo elo é necesario levar a cabo o movemento de terras e explanación, infraestruturas de servizos, a pavimentación, labores de xardinería, rego e mobiliario urbano, o acceso das parcelas ás redes de abastecemento de auga, o saneamento de pluviais e residuais, enerxía eléctrica, alumeado público, canalización de comunicacións e distribución de gas. No tempo que se leva a cabo a ampliación do polígono, executarase o ensanche dos accesos ao mesmo. Agora, está en proceso de licitación polo Concello de Verín, posteriormente ensancharase ata configurar unha sección de 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía a cada lado, nun tramo de 350 metros.

Novos criterios

Esta actuación responde aos novos criterios fixados pola Xunta de Galicia na xestión do parques empresariais, de xeito que se activará a execución de solo industrial unicamente onde haxa demanda. Para iso, Hernández avanzou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a elaborar o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que será aprobado en Consello de Goberno o mes que vén. Indicou que os dous obxectivos principais deste plan son:

1. Cuantificar e localizar a superficie necesaria de solo empresarial que debe urbanizarse nos vindeiros 10 anos, para cubrir as necesidades de demanda estimada.

2. Definir os ámbitos do territorio que a longo prazo poden acoller actuacións de carácter empresarial para cubrir estas futuras necesidades de solo empresarial, seguindo os criterios das DOT.

O conselleiro de Medio Ambiente dixo que “para o actual Goberno da Xunta é unha prioridade activar a venda de solo empresarial, e colaborar na posta en marcha de novos proxectos empresariais que suporán a chegada de actividade, emprego e riqueza. Co obxectivo de activar estas vendas temos en marcha un Plan de Impulso para a venda de solo empresarial de Galicia, que prevé descontos nos prezos do solo empresarial de Xestur, aprazamentos de pago ou a posibilidade de alugueiro con opción de compra e dereito de superficie”.

Na actualidade, en Galicia hai 2,8 millóns de metros cadrados dispoñibles en 947 parcelas nas catro provincias galegas, concretamente, en Ourense son uns 150.000 m2 nos parques do Carballiño, Celanova, Ribadavia e Central de Transportes de San Cibrao das Viñas.

Abastecemento e saneamento en Canella Cega

O conselleiro tamén supervisou os traballos executados para mellorar o abastecemento e saneamento na rúa Canella Cega, onde se instalou un colector de pluviais de diámetro 400 mm que recolle as verteduras que se producen na cabeceira da propia rúa na gabia existente, recolle o aliviadoiro do colector de fecais que procede da rúa da Lonxa Agropecuaria, e verte na canle existente de pluviais. Na cabeceira da rúa Espido proxéctase un pequeno colector de pluviais procedente da zona de Fontenova.

Na actualidade, a rede de saneamento discorre polo medio da rúa e acométense a ela as augas pluviais, posto que non existe rede específica para estas. Isto provoca que en época de chuvias se producen inundacións como consecuencia de que a rede entra en carga e se desborda. O proxecto autorizado hoxe solucionará estes problemas mediante a instalación dunha rede separativa, adecuada ás necesidades desta zona.

O proxecto de mellora tamén implicou a modificación do trazado do colector procedente do barrio de San Roque, converténdoo no colector xeral ata o seu entroncamento coa rede existente. Na parte alta da Rúa Canella Cega fíxose a separación das augas, cunha rede para pluviais e ademais, completouse a rede de abastecemento por ambas as marxes da rúa e repuxéronse os servizos afectados, así como a definición de novas beirarrúas.

Esta actuación tamén se centrou na colocación de tubaxes de abastecemento en ambas as marxes da rúa. Instaláronse as correspondentes válvulas de corte e na beirarrúa colocáronse bocas de rega-incendio.

O departamento que dirixe Agustín Hernández destaca este tipo de colaboracións, que neste caso se traduciu nun investimento de máis de 340.000 euros para esta mellora da rede hidráulica neste rúa de Verín, cos concellos galegos co fin de dotalos daquelas infraestruturas das que carezan. Así, mellórase a calidade de vida dos cidadáns, fomentando así o desenvolvemento económico e social da comunidade galega.

15 de novembro de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.