A Ágora acolle mañá o espectáculo ‘Cancións contadas cancións’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Cultura recorda que Mon Santiso e Cía. presentarán mañá, sábado 9 de novembro, ás 20.30 horas na Ágora, o seu espectáculo ‘Cancións contadas cancións’. Trátase dunha iniciativa que, a través da música, poesía e proxeccións audiovisuais, propón facer intelixibles, a un público heteroxéneo, as letras de certas cancións emblemáticas de distintas épocas e países. Así, as letras tradúcense ao galego e, para facelas máis comprensibles, recítanse para que os espectadores entendan o que din.

No espectáculo conviven ata sete linguas: inglés, francés, portugués, catalán, galego, brasileiro e castelán; e outros tantos artistas: Bob Dylan, Caetano Veloso, The Beatles, Joan Manuel Serrat, Pedro Guerra, Yves Montand e Andrés Dobarro. A proposta, que pretende achegar os contidos das cancións ao público que moitas veces quedan solapados polas melodías, inclúe cancións como ‘Imaxine’, ‘Paraules d’amor’, ‘ Le Telegramme’ ou ‘Blowing in the wind’.

O acto, cunha duración de hora e media, contará coa participación da poeta e xornalista Eva Veiga e o comunicador e actor, Mon Santiso; e os músicos Gabriel Tanasescu (violoncelo), Marcos Seoane (violín) e Zita Tanasescu (teclados); ademais dos artistas, poetas e intérpretes que cederon as súas cancións. A entrada é libre ata completar aforamento.

8 de novembro de 2013 | 11:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.