A actividade “Imos de fotos” premiará ás mellores instantáneas con temática libre
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense convida a tódolos ourensáns a participar nunha nova edición da actividade “Imos de fotos”. Este é un concurso de fotografía con temática libre, no que poderán participar tódolos ourensáns que o desexen, maiores de 18 anos.
As fotografías que presenten serán avaliadas por un xurado composto por fotoxornalistas ourensáns que seleccionará as mellores instantáneas, que se exporán na Rúa do Paseo, durante quince días. Esta é unha das principais novidades desta edición, quinta deste certame, xa que en anos anteriores as imaxes se expoñían ao público en bares, cafeterías e pubs que optaban pola cultura como unha forma de relación coa súa clientela. Este ano o Concello pretende que os traballos dos participantes se visualicen na propia rúa, polo que se exporán no Paseo.
A temática será libre. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 fotos, durante un prazo de 15 días que estará aberto dende hoxe, mércores, 6 de novembro, ata o mércores, 20 de novembro, inclusive, nun sobre cun CD e os datos de identificación e contacto co autor.
As fotografías presentaranse nas dependencias administrativas da Concellería de Xuventude sita na Praza de San Martiño, nº 2, baixo ou a través do correo electrónico xuventude@ourense.es. Para calquera dúbida poderán contactar telefónicamente (988 388154/988 388299).
O xurado seleccionará as mellores fotografías que se exporán na rúa do Paseo. A Concellería de Xuventude será a responsable da impresión e colocación.











