A 52 Carreira pedestre de Nadal de Vigo tratará de fomentar o deporte a todo tipo de público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Presentación da 52 Carreira Pedestre de Nadal en Vigo

Presentación da 52 Carreira Pedestre de Nadal en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou na presentación do 52º Gran Premio Pedestre de Nadal de Vigo-Trofeo El Corte Inglés que se disputará o vindeiro 22 de decembro nun circuito urbano pola praza de Compostela e arredores. O prazo de inscrición está aberto ata o día 18 de decembro.

A delegada da Xunta en Vigo puxo de relevo o carácter popular desta proba atlética, que xa é unha tradición das datas de Nadal na cidade ademais de salientar que está “moi ben plantexada” por estar aberta a todo tipo de público. “É a mellor maneira de fomentar o deporte”, considerou Bravo Bosch, quen agradeceu e deu a en hora boa á delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo encabezada agora por Javier Álvarez Salgado, por levar a cabo, ano tras ano, esta cita obrigada no calendario do atletismo vigués.

Bravo Bosch lembrou, así mesmo, o apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a esta especialidade deportiva e a Federación Galega de Atletismo cunha axuda de case 200.000 euros para a organización de actividades que fomenten o deporte ademais de colaborar coa delegación viguesa poñendo a súa disposición todos os medios que precisen, coma é o caso do local da súa sede na Casa do Deporte.

Por último, a delegada da Xunta recordou tamén a aposta da Administración Autonómica polo fomento do deporte a través do Plan Galicia Saudable e que ten coma obxectivo axudar a coñecer e promover os beneficios dunha vida máis activa e saudable.

Na presentación da proba deportiva, celebrada esta mañá no Corte Inglés, participaron ademais da delegada da Xunta en Vigo, o concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández; o presidente da delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo, Javier Álvarez Salgado; e o director de Comunicación e Relacións Externas do Corte Inglés, Pati Blanco.

26 de novembro de 2013 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.