A 37 edición da Carreira San Martiño, en Ourense, xa conta con máis de 7.500 inscritos
A 37 edición da Carreira San Martiño mantén un bo ritmo de inscricións, cun total de 7.771 a falta de sete días para o remate do prazo, o próximo domingo día 10. A día de hoxe, un total de 3.448 adultos, 2.952 nenos nados entre 1997 e 2004, e 1.371 cativos nados a partir de 2005 xa se inscribiron, para participar nunha cita que terá por vez primeira tres circuítos.
Así, o próximo 17 de novembro terá lugar a saída a partir das 11 h. do percorrido de 10.000 metros para a categoría absoluta; a partir das 12:30 h. na circuíto de 4.700 metros, e ás 13 h. de 1.400 metros.
Campaña quilo-metro
Unha das novidades deste edición será a celebración da campaña “quilo-metro”, que consiste no reto de donar un total de 10.000 quilos de alimentos non perecedeiros (garavanzos, fideos, leite, aceite, azúcar, conservas, chocolate, galletas..) ao Banco de Alimentos. Para completar este reto, tódolos ourensáns que o desexen (sen necesidade de atoparse inscritos na proba) poden colaborar aportando este tipo de alimentos os días 15, 16 e 17 de novembro no Pavillón dos Remedios, paralelamente á celebración da Feira do Corredor.
A celebración desta campaña concretouse na última xuntanza do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, xunto a outros dous puntos: a aprobación do regulamento da XXXVII carreira San Martiño como carreira deportiva federada, e a solicitude de inclusión no calendario da Federación Galega de Atletismo; e a aprobación da homologación do circuíto, coa correspondente solicitude á Federación Galega de Atletismo para que proceda a dita homologación, que terá validez para os próximos cinco anos.
Información e recollida de dorsais
Máis información, consultas e inscricións, no Consello Municipal de Deportes, no Pavillón dos Remedios, rúa Pardo de Cela, 2; no teléfono 988370539, no mail info@deportesourense.com, ou na web www.deportesourense.com.
A recollida de chips e dorsais será o venres día 15, entre as 16 e as 20 h., e o sábado día 16, de 9 a 20 h na cancha central do Pavillón dos Remedios.











