90 mulleres participan nos obradoiros de memoria do departamento de igualdade ferrolán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe un dos obradoiros de Memoria que organiza a Concellería de Igualdade dentro da nova programación de cursos e actividades para a temporada 2013-2014. Así, o rexedor municipal e a edil Verónica Casal Míguez estiveron esta tarde coas persoas que asisten a este obradoiro nas dependencias municipais da Casa da Muller, onde se celebran este tipo de talleres de Memoria todos os luns, martes e xoves dende o pasado mes de outubro e até o vindeiro 31 de abril.

A día de hoxe un total de 90 mulleres participan nos Obradoiros de Memoria organizados pola Concellería de Igualdade, o que supón un incremento con respecto á asistencia a esta actividade o curso pasado –que foi de 76 mulleres- Trátase dunha das actividades que imparte o Concello de Ferrol a petición das propias mulleres, que a marcaron entre as súas preferidas. Ademais de nas instalacións da Casa da Muller, tamén se levan a cabo obradoiros de Memoria na Asociación de Mulleres de Caranza, dentro da política de descentralización de actividades que está a aplicar a titular de Igualdade, Verónica Casal.

Tanto Jose Manuel Rey como Verónica Casal destacaron a importante participación neste e no conxunto de obradoiros ofertados polo Concello de Ferrol, o que vén sendo unha constante dende o inicio do mandato grazas á descentralización dos cursos e actividades e tamén á decisión de que sexan as destinatarias as que elaboren o contido da programación en función das súas preferencias. Así, nesta tempada 2013 – 2014 de actividades de Igualdade, un total de 1.341 mulleres participan nos cursos e obradoiros organizados pola Concellería de Igualdade.

19 de novembro de 2013 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.