82 aspirantes realizaron o segundo exame da oposición ás dúas prazas de auxiliar administrativo
O segundo exame da oposición convocada polo Concello da Laracha para cubrir en propiedade dúas prazas de funcionario de carreira da subescala auxiliar administrativo tivo lugar esta mañá no pavillón polideportivo de Xermaña, na parroquia de Caión.
Foron 82 os aspirantes que realizaron esta proba, polo que non se presentaron á mesma sete das 89 persoas que superaran o primeiro exercicio.
O exame de hoxe consistiu no desenvolvemento, por escrito, de exemplos prácticos da actividade administrativa municipal. Unha vez sexan valorados polo Tribunal, as cualificacións serán publicadas na web www.concellolaracha.com e, a continuación, será convocado o terceiro exercicio consistente en dúas probas informáticas sobre o uso do paquete Office 2007.
Por último, os aspirantes deberán realizar o exame de coñecemento da lingua galega, do que estarán exentos aqueles que acrediten estar en posesión do certificado Celga 3.
As dúas prazas de auxiliares administrativos que o Concello da Laracha consolidará por medio desta oposición están incluídas na relación de postos de traballo (RPT) e son, por tanto, consideradas necesarias para o óptimo desenvolvemento das labores administrativas nas oficinas xerais municipais.











