800 persoas participan nas actividades culturais e deportivas do programa de inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

As primeiras actividades culturais, deportivas e de aproveitamento do tempo libre incluídas no programa municipal de inverno xa están en marcha.

Unhas 800 persoas xa iniciaron a actividade coas disciplinas que comezaron a impartirse nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén en varias das parroquias do municipio.

Igual que en anteriores edicións do programa, a actividade de ximnasia de mantemento é a que, polo momento, conta cun maior número de persoas entre os cursos que xa están en marcha na Laracha, Paiosaco, Montemaior, Soandres, Erboedo e Coiro. Polas características desta proposta, e co obxectivo de animar a que participen nela os veciños residentes no rural, a actividade de ximnasia de mantemento realizarase nas trece parroquias do Concello.

Unha das novidades deste ano é a actividade denominada zumba, que se imparte na Laracha e Paiosaco alcanzando o centenar de participantes, cifra similar á que presenta o aeróbic.

Tamén excelente, aínda que menos multitudinaria que as anteriores, está a ser a acollida das diferentes modalidades de informática que se ofertan, patchwork, encaixe de palillos, manualidades e pintura ao óleo, baile moderno, ioga e baloncesto, neste caso a través das escolas municipais.

O prazo de inscrición continúa aberto tanto para os cursos que xa están en marcha como para aqueles que comezarán en próximas datas. As persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha e desexen participar, deben formalizar a súa inscrición na concellería de cultura e deportes. A cota de inscrición é moi reducida e presenta descontos para menores de idade, maiores de 65 anos e familias con todos os seus membros en situación de paro.

Como cada ano, desde o Concello da Laracha apóstase por ofertar aos veciños este programa de actividades que destaca pola cantidade e calidade das disciplinas propostas. Ademais, na medida das posibilidades, estanse levando cursos ás parroquias, aproveitando a dispoñibilidade de centros socioculturais en todas elas para acoller este tipo de actividades, co que se favorece a asistencia de persoas residentes en núcleos rurais.

Esta programación comeza a desenvolverse agora, en novembro, e rematará a finais de maio, despois de completarse todas as actividades, incluídas as que está previsto que se inicien nos meses de xaneiro, febreiro e marzo.

6 de novembro de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.