800 alumnos de 6 centros educativos ferroláns participarán no concerto didáctico “Os sons do vento”
O Concello de Ferrol organiza o concerto didáctico “Os Sons do Vento” dirixido ao alumnado dos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da cidade e enmarcado dentro do Programa Educativo Municipal 2013-2014. A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, deu conta esta mañá aos grupos municipais na comisión informativa da área desta actividade que se desenvolverá o vindeiro mércores, día 4 de decembro, no Teatro Jofre.
Un total de 775 nenos e nenas de seis centros escolares do termo municipal participarán neste concerto didáctico. “Os Sons do Vento”, de Pep Gol e Pep Pascual, é un espectáculo dedicado aos instrumentos de vento no sentido máis amplo da palabra. Será afinado un órgano de botellas, verase como unha mangueira pode converterse nunha trompeta, oirase o son de caracolas de mar e o de clarinete-regadeira. Ademais, os pequenos descubrirán que as canas de bambú son instrumentos musicais, e o saxo e a trompeta falan, rin, choran, discuten e pelexan ou como se pode formar unha orquestra con xoguetes.
Este espectáculo de carácter participativo será realizado en dúas sesións, sendo a primeiro ás 10:15 e a segunda ás 12:00 horas.











