60 desempregados de Redondela beneficiaranse do Plan integrado de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRedondela
A-
A+

Un total de 60 desempregados de Redondela poderán beneficiarse do Plan integrado de emprego concedido pola Consellería de Traballo e Benestar a esta localidade, e no que investirá un total de 85.000 euros. Así o anunciou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa visita ao obradoiro de emprego do municipio, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch.

De feito, Redondela é un dos poucos concellos galegos que contan, de forma simultánea e individual, con estas dúas iniciativas polo emprego. Así, aos 60 beneficiarios do Plan integrado, súmanse os 22 desempregados que participarán no obradoiro e ao que se destinan 200.000 euros. Polo tanto, estas dúas actuacións sumarán 285.000 euros de investimento con 82 beneficiarios.

Os 22 alumnos do obradoiro “Emprega Verde” formaranse nas especialidades de agricultura ecolóxica e dinamización cultural e tempo libre. Deste xeito, accederán a un posto de traballo ao tempo que se lles ofrece unha formación teórica e práctica, que está homologada e que vai asociada a un certificado.

Ademais, Mato destacou que, ao mesmo tempo que se mellora o currículo destas persoas, os obradoiros favorecen tamén a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

En total, na provincia de Pontevedra téñense posto en marcha 13 iniciativas destas características, cun investimento de 2,5 millóns de euros e 287 alumnos.

Por outra banda, o Plan integrado de emprego vai brindar aos seus 60 participantes a posibilidade de acadar a inserción laboral, a través dun itinerario integral de inserción que combina accións como a información, a orientación, o asesoramento, a formación, a práctica laboral, ou a intermediación coas empresas.

Estas iniciativas están especialmente deseñadas para mellorar a empregabilidade daquelas persoas que están a atopar “maiores dificultades para conseguir un posto de traballo”, sinalou a conselleira. En total, en Galicia vanse poñer en marcha 30 programas deste tipo, grazas a un orzamento de 2,5 millóns de euros que permitirán chegar a 2.200 persoas.

En 2014, esta aposta reforzarase xa que se destinarán a estes plans un total de 4 millóns de euros, o que supón un aumento do 60 por cento con respecto ao consignado este ano para o mesmo fin.

4 de novembro de 2013 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.