35 organismos ferroláns participan no “proxecto Sicted” de mellora da calidade dos destinos turísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, informou hoxe que un total de 35 empresas participaron durante todo o ano no proxecto SICTED -Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos-, das cales 28 conseguiron o distintivo. Destas empresas, foron 10 as de nova formación que se incorporan ao proceso: o restaurante Mesón Alfonso, a escola de surf The Camp, o centro de interpretación de Navantia, tres guías turísticos da empresa FERTUR, ICE Galicia, Bufete de Comunicación y Lending Empresarial, a escola de actividades marítimas El Galeón e a Galería Sargadelos.

A Mesa de Calidade Turística de Ferrol reuniuse o pasado mércores, día 30 de outubro, para a información do estado actual da implantación do SICTED en Ferrol e  aprobación dos informes de distinción realizados pola consultora Coegos Consultur. Ditos informes serán enviados a TurEspaña para a elaboración dos distintivos de calidade e a súa posterior entrega. Esta Mesa de Calidade Turística está constituída no marco do proxecto SICTED e integrada por organismos e empresas participantes en dito proxecto, como o Concello de Ferrol, a Sociedade Mixta de Turismo, a Autoridade Portuaria, Exponav e diferentes empresas da cidade.

Entre as empresas e organismos que obtiveron o pasado ano o distintivo de calidade e o renovaron están: Exponav; a Autoridade Portuaria; Viajes Paco; os restaurantes Taberna do Cantón, Illas Gabeiras e O Parrulo; o Parador de Ferrol, o Centro Sociocultural NovaCaixaGalicia; a compañía de autobuses Autos Camilo; as empresas organizadoras de eventos Item-Aga e Occidente; os comercios Organza e Tuhobby.com; e os taxistas Elvira Varela, Salvador Saavedra, Lolotaxicab, Iván López e Antonio Leira.

O proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos está promovido polo Instituto de Turismo de España (TurEspaña) e pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas/servizos turísticos de ata 30 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción do turista. Na actualidade, participan no programa SICTED 173 destinos de toda España, hai 3906 empresas adheridas e 3729 empresas que contan co distintivo.

4 de novembro de 2013 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.