publicidade hoxe

3 concellos da provincia de Pontevedra percibirán máis de 391.000 euros en obras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaMondarizMosPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobou, na súa Xunta de Goberno, destinar 391.844 euros a tres obras incluídas no Plan de Investimentos da Deputación (PID) das comarcas do Condado-A Paradanta e Louriña. Son, concretamente, a reforma dos vestiarios, aseos e obras complementarias no pavillón de Mondariz, por 183.356 euros; a mellora do pavimento no Camiño do Reguengo, Camiño de Campo Eiró e Camiño da Pedreira, por 145.887 euros; e a construción da pasarela e o acondicionamento do contorno do tanatorio de Valeixe, por 62.601 euros.

Mondariz

Os actuais vestiarios presentan un estado de conservación deficiente, con humidades e descascados da pintura nas paredes. Ademais, o pavimento é esvaradío e non ten unhas condicións óptimas para o uso público. O obxecto deste proxecto consiste na mellora e adecuación funcional destes vestiarios, situados baixo as bancadas do pavillón polideportivo, así como na reforma dos aseos destinados ó público e situados na planta de acceso. Tamén se inclúen obras complementarias coma a substitución das portas e do portal de acceso ó recinto, dotándoas de pechaduras antipánico; a substitución da madeira e a reparación puntual dalgúns chanzos; así como a realización dun zócolo perimétrico na zona de xogo que impida as manchas e os golpes nas paredes. Por outra banda, pintarase o interior e o exterior da edificación, substituirase e mellorarase toda a instalación de iluminación e dotarase de ventilación o recinto de xogo.

Mos

Mellorarase o pavimento no Camiño do Reguengo, Campo de Eiró e na Pedreida. Levarase a cabo a rehabilitación superficial do firme, coa renovación aproximada de 560, 760 e 900 metros, respectivamente.

A Cañiza

Desenvolverase un aparcadoiro para o servizo do velorio existente no contorno do núcleo de Valeixe. O proxecto busca nivelar as terras para o uso dos vehículos como aparcadoiro; a este espazo accédese actualmente mediante unha rampla de terra desde o parque urbano adxacente.

11 de novembro de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.