25 profesores de infantil e primaria dos centros educativos de Ourense participan no obradoiro do olfacto “Para que serve o nariz?”
Vintecinco profesores de Educación Infantil e Primaria de 13 colexios da cidade participan no obradoiro do olfacto “Para que serve o nariz?”, organizado polo Concello. A concelleira de Educación, Ana Garrido, e a experta Carmen Cortés Pizarro, que imparte o curso, presentaron esta mañá este obradoiro de expresión plástica e artesanal, que trata de achegar á escola novos enfoques metodolóxicos na aprendizaxe de técnicas plásticas e artesanais, baseadas nos recursos que proporciona a natureza.
O curso está organizado polo Concello dentro do Programa de animación á lectura. Dura tres días, dende onte, luns, ata mañá, mércores, e desenvólvese de 18:00 a 20:30 horas, no Anexo da Escola Municipal de Artes Escénicas (rúa da Canle nº 2)
Con este obradoiro preténdese sensibilizar e dar a coñecer o sentido do olfacto, describir o mundo das primerizas sensacións olfactivas que o neno establece en función das súas necesidades básicas e como se relaciona a través delas. Tamén se persigue educar para coñecer e aceptar o propio olor corporal e o dos demais, ao tempo que fomentar que os nenos expresen as súas sensacións e sentimentos por medio do sentido do olfacto.
Cunha metodoloxía activa, práctica e participativa, os profesores aprenderán a realizar xogos e estratexias de traballo para educar e recrear o sentido do olfacto mediante a observación, a manipulación e a experimentación, con xogos olfactivos con plantas aromáticas e esencias, ou a elaboración de colonias e maceracións en alcol, entre outras actividades.











