25 mulleres participarán no II Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero en San Sadurniño
O 25 de novembro é o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. O Concello de San Sadurniño preparou varias actividades coas que se busca concienciar ante unha das grandes lacras da sociedade actual e, ao mesmo tempo, darlles ás principais prexudicadas argumentos e coñecementos para arrepoñerse ante unha situación de risco. Ese é, precisamente, o cometido do II Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero que se desenvolverá este sábado pola mañá na casa da Cultura e no que xa se inscribiron 25 mulleres.
O obradoiro está organizado como unha sesión na que aprender ferramentas sicolóxicas que permitan adiantarse a unha situación potencialmente violenta, pero tamén ferramentas físicas que axuden a defenderse no caso de que esa situación se produza. Non se trata de combater violencia con máis violencia, senón de ir sempre un paso por diante para asegurar que sexa a muller-vítima quen manteña o control en todo momento, confiando nas súas capacidades e deixando o medo a un lado. Porén, tanto ou máis importante que defenderse é denunciar calquera vexación ou ataque que se sufra no fogar acudindo á Policía, á Garda Civil ou chamando ao 016, un teléfono gratuíto que non deixa rastro na factura.
O II Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero desenvolverase entre as 10 e as 13 horas, impartido por persoas expertas en psicoloxía e defensa persoal. Como complemento, o Concello ofreceu unha actividade de conciliación para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que traballarán sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero, a corresponsabilidade e a coeducación. Neste obradoiro hai inscritos 14 rapaces e rapazas. Ao remate da mañá haberá unha xuntanza para xantar e compartir experiencias que está aberta a todas as mulleres que se queiran unir.
Presentación do II PIOMH
O sábado pola tarde tamén se presentará o II Plan de Igualdade de oportunidades entre Mulleres e Homes deseñado polo Concello en colaboración coa empresa Deloga e coa participación de grupos políticos, empregados municipais e entidades de todo o territorio. Trátase dun plan de acción financiado pola Deputación da Coruña que marca a folla de ruta en materia de igualdade que deberá seguir San Sadurniño no periodo 2014-2017.
O plan está dividido en seis liñas de actuación con cadanseu obxectivo xeral mais varios obxectivos operativos que, á súa vez, levan aparelladas distintas actuacións concretas para desenvolver nos próximos anos. Nel márcanse as competencias que cada área de goberno debe asumir e cada acción está programada e enlazada cunha concellaría e equipo técnico, o que permitirá avaliar os logros acadados e fortalecer os puntos febles.
De acordo coas encomendas do PIOMH, o Concello deberá desenvolver políticas de igualdade que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral, a inserción do colectivo feminino no mercado laboral, a sensibilización e prevención da violencia de xénero e un abano de programas e actuacións de coeducación que axuden a desterrar a imaxe estereotipada da muller. O plan de acción incide especialmente na educación como a principal canle para levar a cabo este cambio e acadar unha igualdade real e efectiva.
A presentación pública do II PIOMH farase na casa da Cultura a partir das 17.00h. e ao acto público están convidadas, ademais, todas as entidades do concello.
Contacontos e premios do concurso de relatos
O propio Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres -o luns 25- as actividades centraranse na comunidade escolar. Por iso a partir das 12.30h na casa da Cultura o alumnado de 1º a 4º de educación primaria aprenderá algo máis sobre o papel da muller na sociedade a través do contaconto “Contando en feminino”. Son historias contadas desde a perspectiva de xénero e da igualdade coas que se lle dá a volta ao rol feminino nos contos máis coñecidos da tradición oral.
Ao remate da sesión entregaranse os premios do concurso de relatos 25 de novembro organizado polo Concello e o CPI de San Sadurniño entre os escolares. O certame busca concienciar a rapazada sobre a prevención, sensibilización e/ou reivindicación na loita contra a violencia machista cara as mulleres. Precisamente serán eses os aspectos que se valorarán á hora de conceder os premios para os tres mellores relatos, ademais da súa orixinalidade e a súa eficacia comunicadora.











