15 persoas finalizan o itinerario de inserción laboral de “carnicería e elaboración de produtos cárnicos”
Un total de 15 persoas desempregadas rematan hoxe a súa formación no itinerario de inserción laboral “Carnicería e elaboración de produtos cárnicos”, enmarcado no proxecto “Ferrol punto de emprego II” posto en marcha polo Concello de Ferrol. Esta iniciativa da Concellería de Emprego que dirixe Martina Aneiros Barros está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
A acción formativa de carnicería, cunha duración total de 435 horas, comezou o pasado 15 de xullo e unha vez rematada a formación específica foi iniciado o 16 de setembro o módulo de práctica profesional titorizada en empresas. As 15 persoas desempregadas -6 mulleres e 9 homes- que participaron neste itinerario realizaron as 210 horas de práctica profesional na sección de carnicería de supermercados de Gadis, Froiz e Eroski e na carnicería Suprema.
O obxectivo do itinerario de carnicería é capacitar para a realización de operacións de valoración da carne, de despece e de preparación e elaboración de produtos e preparados cárnicos, cumprindo a normativa técnico-sanitaria vixente, así como capacitar para a comercialización de produtos cárnicos. Así, as 15 persoas participantes no curso finalizan a súa formación coa cualificación necesaria para traballar en postos de axudante de carnicería e de carniceiro.











