15 colectivos de Vigo e a súa área perciben 65.000 euros para fomentar o asociacionismo das mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, vén de conceder preto de 65.000 euros a un total de 15 colectivos de mulleres e asociacións de nais e pais de alumnos (Anpas) co fin de fomentar a participación das mulleres e promover actividades extraescolares que permitan a conciliación da vida familiar e laboral.

Trátase de dúas liñas de axudas, que xa saíron publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que pretenden, por unha banda, financiar actividades e contribuír ao funcionamento das asociacións de mulleres e, por outra, que as Anpas poidan organizar actividades relacionadas coa promoción e o fomento da igualdade.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou unha visita e mantivo un encontro coas responsables da Asociación Faraxa, unha das asociacións beneficiadas nesta convocatoria de axudas cun total de 3.000 euros. Ademais, e coma explicou Bravo Bosch, Faraxa conta tamén cun convenio de colaboración firmado coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual. Para o cumprimento deste fin, o convenio está dotado cun orzamento máximo de 20.000 euros para facer fronte a gastos derivados das actuacións nas áreas de información e asesoramento, formación, orientación e atención. Deste modo, Faraxa recibiu este ano un total de 23.000 euros para a promoción e fomento da igualdade.

No que levamos de ano, dende a Secretaría Xeral da Igualdade, a área de Vigo recibiu un importante investimento que chega case aos 400.000 euros e que está destinado ao fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero xa que, ademais destas axudas para o fomento do asociacionismo e as subvencións ás Anpas, hai que engadir tamén os preto de 318.000 euros dirixidos a entidades locais para a promoción da igualdade pertencentes á área territorial de Vigo.

27 de novembro de 2013 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.