140 alumnos dos centros Apóstolo Santiago e Vite participan no I Maratón de tradición oral da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a conmemorar a Semana da tradición oral, que se celebra este ano do 4 ao 10 de novembro. Con este motivo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, xestionada pola Secretaría Xeral de Cultura, organiza hoxe o I Maratón de tradición oral, en colaboración co CEIP Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela e co CEIP de Vite.
Un total de 140 alumnos de educación primaria dos dous centros educativos participan ao longo da mañá nesta iniciativa, para narrar oralmente contos tradicionais, ditos e refráns sobre o outono, regueifas, adiviñas, chistes e cantigas. Xogos tradicionais coma o peón tamén serán explicados polos rapaces e rapazas, que se encargarán de realizar demostracións do seu funcionamento.
No remate da xornada, a directora da biblioteca, Carina Fernández, faralles entrega aos dous centros de cadanseu lote de libros e diploma acreditativo de participación nesta iniciativa, que convida a comunidade educativa a celebrar a Semana da tradición oral.
Seres de lenda na Coruña
A Biblioteca González Garcés da Coruña tamén promove a conmemoración da Semana da tradición oral. Faino cunha actividade na que a contadora de contos Gemola achegará os máis novos a tradición oral a través de diversos seres lendarios galegos, nunha actividade que se desenvolverá o sábado 9 de novembro a partir das 12:00 horas.











