Xa están en marcha as obras que completarán a travesía con beirarrúas do casco urbano da Laracha
Con motivo do inicio das obras coas que completará o trazado de beirarrúas en toda a lonxitude da Avenida Fisterra (estrada AC-552) ao seu paso pola capital municipal da Laracha, hoxe visitaron o noso Concello a delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Álvarez, que mantiveron un encontro co alcalde, José Manuel López Varela, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o edil responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto.
Os primeiros traballos comezaron a desenvolverse na zona de Cillobre, isto é, na entrada á vila da Laracha desde Paiosaco. Neste punto da actuación construiranse beirarrúas desde o lugar no que remata o trazado actual das mesmas e ata as últimas vivendas de Cillobre: por unha marxe será desde o punto de confluencia coa rúa Santiago e, pola outra, desde a fonte.
O outro tramo no que se realizará unha actuación de similares características é na saída do casco urbano da Laracha en dirección Carballo. Nesta parte completaranse as beirarrúas ata o cruce coa rúa Eusebio Bértoa Queijo.
Por tratarse de dous tramos de 305 e 330 metros de lonxitude respectivamente, e ao afectar a ambas marxes da calzada, a distancia total de novas beirarrúas que se construirán é duns 1.270 metros. A actuación completarase, ademais, coa nova pavimentación de determinados puntos da vía que así o requiren, a correspondente sinalización e a mellora da iluminación pública.
Os 211.000 euros de custo total da obra -que financiará integramente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- serán, como afirmou o alcalde, José Manuel López Varela, “un investimento directo na mellora da seguridade viaria na que é a estrada máis transitada do Concello da Laracha”. O rexedor municipal tamén valorou os beneficios que unha actuación destas características suporá para os veciños da zona ao tratarse de áreas residenciais, considerando que “facilitaremos os desprazamentos a pé de moitas persoas e haberá máis espazo para o aparcamento de vehículos, o que tamén será un incentivo para potenciar o pequeno comercio”.
Por último, López Varela mostrou a súa satisfacción por “humanizar a vila” completando a travesía da AC-552 ao seu paso pola capital municipal. “Poder camiñar a pé e por beirarrúas ininterrompidamente desde a entrada e ata a saída da vila da Laracha e por ambas marxes da estrada será moi valorado polos nosos veciños”, dixo o alcalde despois de agradecer “o compromiso demostrado da Xunta de Galicia co Concello da Laracha, que nos está a permitir crecer, avanzar e mellorar as infraestruturas e, por tanto, a calidade de vida dos habitantes da Laracha”.











