Vinte e seis concellos solicitaron a revisión catastral da provincia da Coruña
Unha vez que os concellos solicitan esta axuda da Deputación, o papel da institución provincial pasa por financiar a actuación a través da contratación dunha empresa que realice os traballos de campo, funcións que ata agora asumía o propio Catastro.
Finalizadas as medicións, a institución provincial entrega os resultados aos concellos solicitantes e ao Catastro, que é a entidade que realizará as valoracións correspondentes, para as que se abre un período de alegacións e recursos.
Esta axuda que ofrece a Deputación aos concellos vai na liña das diversas colaboracións mantidas no eido da xestión catastral. Actualmente, son 81 os concellos da provincia os que teñen delegada na institución provincial a facultade de colaborar co Catastro para altas e alteracións físicas.
Os concellos que solicitaron esta axuda á Deputación e xa teñen actualizado o seu rexistro ata o momento foron Muros, Dodro, Zas, Curtis, Aranga, Moeche, Ordes, Cedeira, Muxía, Touro, Sobrado, Boimorto e Bergondo.
Ademais, están en proceso ou entrarán en próximas medicións os municipios de Mañón, Neda, Frades, Monfero, Mesía, Cambre, Malpica e Porto do Son.
Finalmente, os concellos de Santa Comba, Cariño, A Laracha, Padrón e Cerdido solicitaron unha nova revisión, aínda que os traballos se efectuarán máis adiante pois o último traballo de medición nestas localidades realizouse entre os anos 2005 e 2008, sendo menos urxente a súa actualización.











