Vinte e catro concellos xa dispoñen do Inventario de Bens e Dereitos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Vinte e catro concellos da provincia da Coruña (­­Pontedeume, Negreira, Monfero, Vedra, Porto do Son, Vilarmaior, Cariño, Santiso, As Somozas, Zas, Corcubión, Trazo, Neda, Fene, Ponteceso, Mesía, Coirós, Ares, As Pontes, Ortigueira, Noia, Boqueixón, Abegondo e Santa Comba) xa teñen no seu poder o inventario de bens e dereitos elaborado pola Deputación da Coruña. 

O documento inclúe a listaxe de inmobles, dereitos reais, mobles de carácter histórico, artístico ou de considerable valor económico; valores mobiliarios, créditos e dereitos de carácter persoal da Corporación; o número de vehículos, o rexistro dos animais, os mobles comprendidos nos apartados anteriores, bens e dereitos revertibles e bens que integran o Patrimonio Municipal do Solo.

Este documento, no que se inclúe a valoración do patrimonio e que agora servirá como unha ferramenta de traballo, é un instrumento de xestión municipal moi útil para os concellos, xa que, entre outras cuestións, conta cun inventario onde están actualizados os datos de todas as súas propiedades.

Segundo explicou o presidente provincial, Diego Calvo, “contar cun inventario actualizado facilita moito o traballo de calquera administración, xa que só así poderá poñer ao día as cargas fiscais de determinados inmobles ou completar calquera expediente que inclúa a cesión ou transmisión dalgún ben propiedade do concello”.

No momento da recepción dos inventarios, os concellos asumen a responsabilidade das futuras actualizacións.

3 de outubro de 2013 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.