Vilagarcía promociónase na mostra Expocidades no San Froilán de Lugo
Vilagarcía participa como expositor na feira Expocidades que se celebra esta fin de semana en Lugo no marco das festas de San Froilán. A mostra organizada polo Eixo Atlántico ten como obxectivo promocionar o turismo de proximidade entre as 34 cidades de Galicia e norte de Portugal que integran o organismo, de aí que o Concello de Vilagarcía amosa exhiba no seu stand os atractivos cos que conta a idade e as posibilidades que ofrece aos seus visitantes.
A mostra inaugurouse este mediodía e permanecerá aberta todo a a fin de semana ata a súa clausura o domingo, 6 de outubro ás 21:00 horas. Vilagarcía contará co seu propio stand na mostra habilitada dentro dunha gran carpa que se empraza nas proximidades da Muralla de Lugo. O atractivo de situarse ao lado do monumento Patrimonio da Humanidade e a coincidencia co San Froilán, fai prever unha elevada afluencia de visitantes a Expocidades, o que fai desta mostra un excelente escaparate de promoción turística.
Rutas turísticas, servizos, espazos naturais, Cortegada e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, pazos, monumentos, festas, paquetes turísticos, actividades culturais e deportivas, roteiros de sendeirismo, lugares de interese, hostalería, comercio e ocio son só algúns dos aspectos dos que os lucenses e todas as persoas que acoden estes días ás festas de San Froilán poderán coñecer visitando o stand de Vilagarcía. Demais, terán a oportunidade de probar algúns produtos gastronómicos locais na degustación o Concello organizará mañá ás 12 do mediodía e na que se poderán catar viños das adegas Maior de Mendoza e Pazo de Rubianes. Están invitados á degustación tendas gourmets de Lugo, hoteis e cadeas de distribución, xa que na feira organízase tamén unha mesa de contratación.
O stand estará atendido por unha guía da Oficina Municipal de Turismo do Concello, co obxecto de que poida dar toda a información sobre Vilagarcía con todo luxo detalle.
Expocidades e o Eixo Atlántico
Expocidades é o evento do Eixo Atlántico co que se dan os primeiros pasos para a certificación de organizador sostible. A mostra naceu como unha micro-feira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. Tendo en conta o éxito obtido, o Eixo Atlántico decidiu instituír este evento como medio de promoción do turismo de proximidade, sendo agora inaugurada a súa primeira edición en Lugo, unha das 34 cidades membro do Eixo Atlántico.
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é unha asociación de municipios do Norte de Portugal e de Galicia, creada en 1992. Dende entón desenvolve o seu traballo no ámbito da cooperación transfronteiriza en áreas como o turismo, a cultura, o deporte, o planeamento do territorio, a innovación, o desenvolvemento sostible, a educación, a xuventude e todo o tipo de iniciativas que promoven o desenvolvemento das cidades membro e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.











