Vilagarcía celebra o Día da Biblioteca cun contacontos e reparto de agasallos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Educación conmemora o xoves, 24 de outubro o Día da Biblioteca, organizando unha sesión de contacontos para os máis cativos e entregando agasallos aos lectores que acudan ese día ao centro e fagan uso do servizo de préstamo. Deste xeito, preténdese incentivar a visita de nenos e nenas ás bibliotecas públicas e de fomentar a lectura entre os máis pequenos recorrendo aos fondos públicos dos centros bibliotecarios.

O xoves pola tarde, en horario de 17 a 20 horas, na sección infantil da Biblioteca repartiranse ata esgotar existencias marcapáxinas conmemorativos, libros e camisetas entre os usuarios que leven libros de préstamo a domicilio. Estes agasallos foron doados pola Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, pola Librería Nobel-Arousa da localidade e polo Concello.

Aínda que o propio Día da Biblioteca conmemórase o 24 de outubro, a coincidencia nesta xornada cunha convocatoria de folga na Educación, é a causa pola que a sesión do contactontos se trasladada ao venres, xa que a asistencia á mesma realízase a través dos colexios. A sesión celebrarase, pois o 25 de outubro á partir das 12 horas na sala infantil da Biblioteca Rosalía de Castro, na Rúa Rey Daviña. A ilustradora e animadora á lectura, Marisa Irimia, unha colaboradora habitual da Biblioteca, será a encargada de entreter aos cativos co conto titulado “Kamishibai e son”.

22 de outubro de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.