Vilagarcía adiantará o custe da instalación do Cruceiro de Rúa Nova en espera da resolución xudicial
O cruceiro de Rúa Nova volverá moi pronto ao seu emprazamento orixinal fronte ao Pazo do mesmo nome. O conxunto escultórico que sufrira graves danos en xaneiro de 2011 como consecuencia dun accidente de circulación foi rehabilitando pola escola de canteiros da Deputación e, para non demorar máis a súa recolocación, a Xunta de Goberno Local acordou adiantar o pago do custe da montaxe, en espera da sentencia da demanda por reclamación de danos interposta polo Concello.
O custe da actuación ascende a 7.000 euros, segundo o presuposto realizado pola escola de canteiros que rehabilitou o cruceiro. Serán os mesmos artesáns deste centro os que se encarguen da montaxe das pezas para devolver o cruceiro ao seu estado orixinario na praciña situada fronte ao Pazo de Rúa Nova. Deste xeito, os cidadáns poderán gozar desta importante peza declarada de interese cultural.
O Concello decidiu recorrer á vía xudicial para reclamar o importe do restablecemento do cruceiro despois de que a condutora e a aseguradora do vehículo accidentado non se fixeran cargo dos mesmos. O goberno confía en que a sentenza sexa favorable para o Concello e dictamine a indemnización en favor da administración municipal.
O accidente que esnaquizou o cruceiro produciuse o día 3 de xaneiro de 2011, cando un Land Rover conducido por unha muller se empotrou contra a estrutura de pedra rompéndoa en varios cachos. O cruceiro forma parte do conxunto histórico e patrimonial do Pazo de Rúa Nova, dividido polo linde que separa os termos municipais de Vilagarcía e Vilanova. Por iso, aínda que a meirande parte do Pazo se sitúa en terreo vilanovés, parte da praciña e o cruceiro atópanse en solo da parroquia vilagarciá de Sobrán.
O cruceiro de Rúa Nova está incluído no Catálogo de Edificios e Bens a Conservar do Concello de Vilagarcía como un dos elementos do patrimonio artístico, cultural e etnográfico do municipio. O mal chamado cruceiro, pois non conta con cruz algunha, é en realidade unha estrutura composta polo pilar dun cruceiro sobre o que había a imaxe dunha virxe.











