Vidal Bolaño pasa a formar parte do rueiro carballés nun acto no que a súa viúva descubriu a placa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Descubrimento da placa conmemorativa

Descubrimento da placa conmemorativa

Dende o sábado 26 de outubro Carballo conta coa rúa Roberto Vidal Bolaño, unha homenaxe ao desaparecido dramaturgo, primeiro Xograr de Outono do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en 2002 e autor lembrado no Día das Letras 2013. O Concello quixo aproveitar o ano dedicado a este autor compostelán para organizar este acto simbólico no marco do Festival e sumarse así aos actos de lembranza e recuperación do seu legado realizados por institucións e cidadáns de Galicia.

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante o acto de inauguración a figura desta “persoa clave na modernización e profesionalización do teatro galego”. Ferrero espera que con esta nova rúa, que está previsto que no futuro sexa peonil e que está situada na contorna do Parque de Rego da Balsa e da rúa Perú, os carballeses e carballesas “gocemos da compañía de Roberto entre nós”. Rematou pedindo o “recoñecemento” para Vidal Bolaño, sendo “unha honra incorporar o seu nome ao noso rueiro”. O acto contoU coa presenza da viúva do autor, Belén Constenla, que nunha breve intervención, e contendo a emoción, subliñou a “honra” e a “emoción” que supón que o recordo do autor permaneza en Carballo “e máis sabendo que a decisión foi previa a coñecerse a homenaxe do Día das Letras”. O acto rematou coa interpretación á gaita do himno galego.

Hai que mencionar que no acto tamén estiveron presentes o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e numerosos membros da corporación ademais do crítico teatral Camilo Franco e representantes da organización do FIOT. O nome para a nova rúa aprobouse no pleno de 20 de xuño de 2008 xunto co de varias outras pertencentes a varios polígonos e zonas de Carballo. En todo caso, non foi a única lembranza no festival para o dramaturgo, xa que baixo o epígrafe “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño”, o sábado 26 tamén acolleu a inauguración dunha exposición e unha edición especial do “Café con…”. A mostra titúlase “Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño”, está promovida polas secretarías Xerais de Cultura e Política Lingüística e permanecerá no andar -1 do Pazo da Cultura até o martes 29 de outubro.

Nela a través de fotos, textos, imaxes, indicacións escenográficas e de dirección pode coñecerse moito máis acerca da vida de Vidal Bolaño. E na mesma sala de exposicións foi o “Café con…” (na imaxe) cun formato diferente aos que se veñen celebrando no FIOT. O crítico teatral Camilo Franco, autor do libro “Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño” (Editorial Biblos) falou do traballo realizado polo dramaturgo. Despois, a súa viúva, Belén Quintáns, falou da montaxe “Criaturas”, neste ano no que se volveu poñer en escena dende 1999, hai máis dunha década, cando foi presentada por primeira vez. Unha sentida e merecida homenaxe do FIOT e de Carballo a un dos dramaturgos galegos máis importantes.

28 de outubro de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.