Vetusta Morla ofrecerá no Coliseum o seu único concerto de gran formato na comunidade galega
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, presentou esta mañá o concerto que Vetusta Morla ofrecerá na cidade o 2 de maio de 2014, dentro da xira de presentación do seu último traballo: A Deriva; o seu terceiro álbum tras Un día no mundo (2008) e Mapas (2011).
“Trátase do primeiro concerto en gran formato que o sexteto ofrece na cidade, tras o seu paso en 2008 por ExpoCoruña; afrontando unha ansiada cita cos seus numerosos seguidores coruñeses que ata o momento non puideran gozar dun concerto destas características” “na cidade”, explicou a concelleira, quen destacou que a do Coliseum será a única cita en gran formato de Galicia.
Vetusta Morla é unha das bandas máis esperadas do panorama nacional tras un ano de xira por Sudamérica e, nesta ocasión ademais, virán acompañados dos mexicanos Zoé, un dos grupos de rock latinoamericanos que máis éxito obtivo nos últimos anos e co que os madrileños colaboran.
“Á espera de escoitar as súas novas propostas mantense a expectativa de coñecer os límites da banda que pasou a liderar o sector da música independente nacional e que se está a converter” “en obxecto do desexo do gran público”, destacou a concelleira e engadiu: “Esta nova xira preséntase como un gran reto que a banda ten que dar cara ao seu asentamento entre a gran masa sen perder o status de abandeirado da música independente nacional; e imos poder comprobalo na Coruña”.
O concerto será o próximo venres, 2 de maio, ás 22.30 horas, formando parte da xira que levará ao grupo por 12 cidades mexicanas e 15 españolas. As entradas xa están á venda nas canles habituais, con prezos que oscilan entre os 25 e os 32 euros.
“Con este anuncio, actívase a programación de 2014, onde volverán ser protagonistas a nivel musical, os artistas nacionais de primeiro nivel, como aconteceu neste 2013 con Alejandro Sanz, Pablo Alborán, Melendi e Fito que chegaron a convocar a preto de 25.000 nos seus directos”, explicou a concelleira, e concluíu: “Pero antes, o recinto afronta o seu proxecto máis ambicioso dos útlimos anos: albergar unha gran produción internacional, El Circo del Sol. Neste sentido, a resposta do público está a ser proporcional ao enorme esforzo realizado por este Concello para dar cabida, por primeira vez na cidade, a esta compañía co seu espectáculo Quidam, que xa vendeu preto de 35.000 entradas para as 9 funcións que se celebrarán no Coliseum entre o 25 e o 29 de decembro”.











