Veteranos do Deportivo participarán nun partido para clausurar a semana da saúde mental de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralLocal
A-
A+

O Consorcio As Mariñas pechará en Carral os actos da XII Semana da Saúde Mental unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a integración deste colectivo na sociedade. Farao coa organización dun triangular de fútbol sala entre os equipos do Consorcio As Mariñas, Apem e Adcor coa colaboración dos Veteranos do RC Deportivo de A Coruña, que se disputará, mañá mércores 16 a partir das 19.00 horas, no polideportivo “O Espiño” de Carral e que é resultado da cada vez maior importancia do deporte como vehículo de integración social.

Este evento deportivo completa a programación de actos que comezou o pasado día 10 de outubro coa homenaxe ao finado José Luís Muruzábal, presidente de APEM, creándose un Premio co seu nome a experiencias innovadoras no eido da saúde mental. Ademais, o psicólogo clínico da Unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, Manuel Fernández Blanco, impartiu, no conservatorio municipal de música de Culleredo, a conferencia “Saúde mental e menores: novos retos”.

Estas xornadas forman parte do plan de acción do Consorcio As Mariñas creado para favorecer a integración das persoas enfermas mentais dos concellos que forman parte da entidade supramunicipal e que se traduce na colaboración con APEM no estudo de necesidades sociais, prestación e posta en marcha de novos servizos e programas coordinados que promovan a atención, rehabilitación, asistencia e inserción social e laboral das persoas con enfermidades mentais.

15 de outubro de 2013 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.