V Semana da Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves – Verín
Dende o día 07 ao 10 de outubro, a Eurocidade Chaves-Verín organiza a V Semana da Educación e Seguridade Viaria, destinada a sensibilizar a poboación de ambos municipios, especialmente aos máis novos, das diversas formas correctas de comportamento en educación e seguridade viaria.
Unha iniciativa enmarcada dentro do ‘Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín’ que pretende servir de laboratorio de boas prácticas para outras zonas fronteirizas da Comunidade Europea, así como unir esforzos, intercambiar experiencias, dar maior solidez á cooperación transfronteiriza existente, fomentando a realización de controis de seguridade conxuntos entre as forzas e corpos de seguridade lusos e españois, e sensibilizar aos/ás cidadáns/nas das actitudes idóneas para reducir o número de accidentes de tráfico nesta zona transfronteiriza habitada por máis de 60.000 persoas.
Devandito proxecto nacido no ano 2009 e motivado pola adhesión á Carta Europea de Seguridade Viaria, conseguiu un dos galardóns dos ‘Premios de Excelencia en Seguridade Viaria’, entregados pola Comisión Europea aos seis compromisos máis destacados de 2010 na Carta Europea da Seguridade Viaria, e inclúe á realización de accións concretas como: charlas-coloquios dirixidas a grupos de risco -alumnos/as de centros educativos, embarazadas, 3ª Idade e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida-, promoción de cursos de educación viaria anuais co obxectivo de indicar cal debe ser o comportamento como peón, pasaxeiro e condutor; eliminación de barreiras arquitectónicas, ou mantemento e reposición de sinais de tráfico, entre outras.
Durante a V Semana da Educación e Seguridade Viaria realizaranse actuacións como “II Foro de Seguridade Viaria na Eurocidade”, circuíto de karts e exhibición de medios no que participarán 280 menores do último curso de primaria de colexios de Verín e Chaves. Estas dúas últimas actividades terán lugar o mércores 09 de outubro en Feces de Abaixo. De 10.30 a 13 horas, no campo de fútbol, terá lugar a exhibición na que participarán efectivos de corpos e forzas de seguridade, medios de salvamento e sanitarios; e ás 16 horas, será a quenda para o “II Foro de Seguridade Viaria na Eurocidade” na sede da Eurocidade (antiga aduana de Feces de Abaixo).
Na organización da V Semana da Educación e Seguridade Viaria colaboran a Xefatura Provincial de Tráfico, Asociación Española de Accidentología Vial, Agrupación Garda Civil de Tráfico de Verín, Policía Local de Verín, Garda Civil de Verín, Cruz Vermella Monterrei, Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Protección Civil de Verín, Grumir de Verín, Guarda Nacional Republicana, Polícia de Segurança Pública, Corporaçôes de Bombeiros de Chaves, Protecção Civil, Cruz Vermelha de Chaves, concellerías de Tráfico e Educación de Ourense, Eurocidade Chaves-Verín, Câmara Municipal de Chaves e Concello de Verín.











