publicidade hoxe

Uns mil comensais daranse cita na V Feira do Queixo e Mel de Goente, nas Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesCalendario
A-
A+

A parroquia pontesa de Goente renderá, este sábado, unha nova homenaxe aos productos da zona e ao mundo da apicultura na que será a V Feira do Queixo da Faeira e do Mel de Goente.

Trátase dunha nova exaltación gastronómica que conta coa organización da delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura e a Casa do Mel de Goente, xunto co patrocinio do Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Medio Rural e Turismo, Emprego e Novos Proxectos; e da Deputación da Coruña.

Esta festa gastronómica contará cun extenso programa de actividades no que se contará cunha ampla oferta lúdica dirixida a todo tipo de idades. Así, dende as 11.00 horas, será posible visitar os diferentes postos de produtos apícolas que rexentarán unha ducia de apicultores de toda a comarca e tamén doutros concellos coma Taramundi, para poder facerse con tarros de mel da marca Mel de Goente. Asemade, non faltarán as exposicións de artesanía, doces e viandas de marca pontesa coma as manteigadas, os postos de olaría, manualidades e produtos en madeira e mostras coma a de motos antigas de Elías Gabeiras, á que este ano se sumará unha exposición de vehículos de competición.

O campo da festa desta parroquia servirá tamén de escenario para actuacións musicais coma a dos ponteses Jin Tony´s Son, ás 12.00 horas, a da coral Airiños da Capela ás 17.00 horas ou a do grupo folk Muxarega dende as 18.00 horas.

Un dos pratos fortes da xornada será o xantar popular que arrincará ás 13.30 horas, composto por xarrete, freixós, requeixo, mel e bebidas e do que se servirán mil racións, a un prezo de 15 euros por persoa.*

Asemade, tamén á tarde se servirá unha merenda composta por freixós, mel e requeixo a un prezo de 3 euros.

Os máis novos tamén contarán con actividades específicas que arrincarán contra das 16.00 horas con diferentes obradoiros infantís e, dende as 19.30 horas, celebrarase a entrega de premios do IV Concurso de Receitas con Mel e Queixo e do Certame de Meles Claras e Escuras.

Como fin de festa novamente teremos música, ás 20.00 horas, cunha verbena que servirá para pechar esta festa apícola.

9 de outubro de 2013 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.