Uns 500 mozos titulados traballarán durante un ano en 379 empresas de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraXuventude
A-
A+

500 mozos titulados universitarios, sen experiencia laboral previa, traballarán durante un ano en 379 empresas da provincia de Pontevedra grazas ó Plan de prácticas laborais en empresas do sector privado, que, cunha dotación de 4 millóns de euros, pon en marcha a Deputación de Pontevedra, segundo informou hoxe en rolda de prensa o seu presidente, Rafael Louzán.

Louzán sinalou que a institución provincial é a única Administración que leva a cabo un proceso destas características, financiando prácticas laborais de mozos titulados en empresas do sector privado. Lembrou que, en total, este ano a Deputación investiu 20 millóns de euros para contratar 4.000 desempregados a través de diversos plans de emprego para mozos titulados, operarios de servizos, etc.

Na súa comparecencia, tras a Xunta de Goberno na que se aprobou a dita selección de empresas, Louzán asegurou que unha comisión de seguimento vixiará e validará o traballo nas empresas privadas, e afirmou que estas garanten, nunha porcentaxe moi alta, a continuidade laboral dos mozos unha vez concluído o período establecido no Plan. Para iso a Deputación asinará un convenio con cada unha das 379 empresas seleccionadas.

O presidente asegurou que este programa ten como obxectivo ofrecerlles ós mozos titulados unha primeira oportunidade de traballar na súa especialidade e de continuar co seu contrato laboral; busca tamén contribuír a reactivar a economía da provincia e das súas empresas.

As empresas que solicitaron participar no Plan foron 479; destas quedaron excluídas 46 e foron admitidas 433, resultando finalmente adxudicatarias 379.

As empresas demandaron mozos de 103 titulacións diferentes e un número de bolseiros que acadou a cifra de 992. O número de bolsas que se convoca é de 424, e, finalmente, chegará a 500.

Para a selección das empresas unha comisión, formada por técnicos provinciais, da Universidade de Vigo e da CEP, aplicou criterios coma o proxecto de práctica laboral (5 puntos), o compromiso de inserción laboral posterior ó remate do Plan (4 puntos) e outras  melloras (1 punto).

Con estes criterios seleccionáronse 379 empresas de toda a provincia: 337 recibirán un bolseiro, 39 dous, e 3 contarán co traballo de tres bolseiros. No tocante ás 424 bolsas que se van convocar, 283 serán para titulados universitarios, 126 para ciclos superiores e 15 para ciclos medios. En total serán mozos de 103 titulacións diferentes.

Vigo (123 bolseiros), Pontevedra (70), Lalín (27), O Porriño (22), Vilagarcía de Arousa (17), Poio (14), Cambados (13) e Silleda (11) son os principais concellos que recibirán bolseiros nas súas empresas.

O maior número de bolsas por titulación corresponde á licenciatura en Administración de Empresas, con 68; dáse a circunstancia de que na provincia de Pontevedra hai 705 desempregados con esta licenciatura. Séguenlle o Ciclo Superior en Administración e Finanzas (38), o Ciclo Superior en Xestión comercial e Marketing (11), Relacións Laborais (11), licenciatura en Psicoloxía (10) e Xornalismo (10).

Os bolseiros percibirán entre 600 e 800 € ó mes, unha cantidade que asumirá a Deputación, así como todos os demais custos.

O BOPPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra) –que se pode descargar en www.boppo.depo.es– publica hoxe, 30 de outubro, a convocatoria de 424 bolsas de prácticas laborais en empresas privadas. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, desde o 31 de outubro ata o 12 de novembro.

Os bolseiros serán seleccionados en dúas fases: na primeira valoraranse de 0 a 7 puntos o currículo e o expediente; e na segunda realizarase unha entrevista relacionada coa titulación, cunha valoración de 0 a 3 puntos. O proceso rematará o 31 de decembro, a data na que os mozos titulados comezarán a traballar.

30 de outubro de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.