Unha vintena de postos participarán no mercado tradicional de outono de Lalín
Traballos de artesanía e produtos agroalimentarios de primeira calidade e así ata unha vintena da postos de produtores e artesáns participarán este sábado 26 de outubro no Mercado Tradicional de Outono, na súa primeira edición, e que se desenvolverá na Praza da Torre e nas inmediacións da rúa Colón.
A dita feira estacional, a segunda, tras o Mercado de San Xoán, combinará ademais música e obradoiros, e ten como fin a posta en valor dos produtos do agro e outros típicos do outono como poder ser as castañas. Nos últimos días foron varias as reunións que a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, desenvolveu cos produtores e vendedores participantes, de Lalín e Comarca.
A Feira abrirá ás 10.00 horas e ás 12.00 horas está prevista a visita de autoridades ao mercado, acompañados de representantes do GDR e outras asociacións sectoriais. Durante a visita e ata ás 13.00 horas terá lugar a actuación do grupo de gaitas “Os Xuncos”.
A partir das 12.30 horas terá lugar unha degustación de produtos típicos como empanada, polbo, mel, rosquillas e outros postres, que achegarán os expositores.
Desde as 11 da mañá e ata as 14 horas celebraranse obradoiros destinados ao público infantil, como un obradoiro de manualidades que se realizará con materiais naturais (follas), coordinado por unha monitora. Ás 16 horas reanudarase o obradoiro destinado ao público infantil. Unha vez rematado o obradoiro da tarde haberá unha chocolatada na que se convidará aos nenos e nenas que participaron nas actividades. Sobre as 18.00 horas pecharase o Mercado.
Ademais, o programa do Mercado de Outono de Lalín completarase coa charla “Castañicultura” que Pablo Fraga, de “Soutos Sativa”, ofrecerá no Museo ás 16.30 horas.
Nestes catro meses de mercado dos sábado lévanse dous estacionais, o Mercado de San Xoán e este vindeiro Mercado de Outono, co que se espera que as feiras sabatinas se vaian asentando no calendario de mercados lalinenses.











