publicidade hoxe

Unha trintena de mozos aprende a manexar o coche en condicións adversas en Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O manexo do ABS ou como usar o volante mentres as rodas patinan foron algunhas das técnicas ensinadas hoxe no curso de condución segura que organiza para mozos o Concello de Culleredo. Unha trintena de participantes, de 18 a 35 anos de idade, toman parte da acción entre hoxe e mañá.

Pero non se trata só dun curso de condución segura. Consiste nunha acción formativa para saber manexar o coche en circunstancias adversas para a condución, que foron convenientemente simuladas polos profesores.

A chuvia, a patinaxe de rodas, ou o bloqueo de rodas foron algúns dos casos en que puxeron os alumnos. Especial fincapé fíxose no uso do ABS, sistema fundamental ante moitas condicións.

O Concello de Culleredo apostou pola creación este ano dunha programación de actividades específica para os mozos do municipio. Nela enmárcase este curso de condución segura.

A Concellaría de Xuventude, que dirixe Juan Carlos Lovelle, estruturou o programa en actividades para a franxa de 18 a 35 anos de idade, por un lado, e nun espazo para os mozos de 14 a 18 anos, polo outro. Desta forma, o goberno local garante que as propostas se adaptan ao máximo ás necesidades de todos os mozos.

Un curso de coctelería, monográficos de tempo libre, talleres, zumba ou breakdance son algunhas das modalidades do programa.

19 de outubro de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.