Unha nova solución nos pasos de peóns incrementará a seguridade dos vehículos de dúas rodas
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, presentou, esta mañá, ao colectivo moteiro a nova solución de pasos de peóns que se está a implantar na cidade, que mellora a seguridade dos vehículos de dúas rodas e dá resposta a unha vella demanda destes condutores. En concreto, esta medida antiderrapaxe ,que estase a implantar en pasos de peóns de bandas paralelas, consiste en deixar unha maior anchura entre as bandas, de forma que os vehículos de dúas rodas dispoñan dun paso libre de pintura, co obxectivo de mellorar a súa adherencia.
A medida foi consensuada co colectivo moteiro da cidade e expertos en seguridade vial, xa que a sinalización horizontal é un dos riscos aos que se expoñen diariamente, dado o diferente grao de adherencia entre a sinalización e o propio asfalto que se agrava cando o pavimento está mollado.
A iniciativa estase a implantar na cidade de modo gradual aproveitando os traballos de reasfaltado e substituíndo de xeito paulatino todos os antigos pasos de peóns de bandas paralelas por esta nova solución máis segura para os usuarios das motos, ciclomotores e bicicletas. A concelleira de Mobilidade sinala que, nalgúns dos pasos de peóns, esta solución se complementará cun pictograma co deseño dunha motocicleta para que os cidadáns identifiquen os motivos polos que se está a desenvolver esta medida.
Begoña Freire aproveitou o encontro para tratar co colectivo moteiro outras medidas de mellora das condicións de seguridade e mobilidade dos vehículos de dúas rodas. Neste sentido, destaca a nova sinalización dos pasos de peóns regulados por semáforo, nos que “se irá eliminando a marca de pasos de peóns de bandas paralelas ao eixe de calzada” e, aproveitando os labores de reasfaltado nas calzadas da cidade, se sinalizarán “con tacos brancos entre a liña de detención de vehículos e o semáforo”, o que diminuirá a superficie de pintado e contribuirá a mellorar a adherencia dos vehículos de dúas rodas, sobre todo, nos días de chuvia.
O parque de motocicletas e ciclomotores, así como o número de usuarios de bicicletas, incrementouse notablemente nos últimos anos, polo que é preciso adoptar medidas específicas que melloren as condicións de seguridade deste tipo de vehículos. En concordancia con este crecemento e nunha clara aposta deste Concello cara aos modos de transporte máis sostible, Begoña Freire tamén se comprometeu a seguir incrementando as zonas de aparcadoiro en superficie reservadas para motos, o que contou coa satisfacción do colectivo.
A concelleira indicou que a pequena concentración de hoxe, na que participaron unha vintena de moteiros, é unha mostra da liña de traballo que se está a levar a cabo no marco do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), adoptando solucións intelixentes, moi útiles e pensa en todas as persoas. “A nosa cidade vivirá nos próximos anos un importante cambio de ciclo en materia de mobilidade, auspiciado pola posta en marcha de estratexias cun enfoque integral e nos que os requirimentos de mobilidade sostible serán consensuados e asumidos polos cidadáns”, concluíu a concelleira.











