Unha mostra da nova arquitectura galega chega a San Sadurniño da man de Metagénesix

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ata o 31 de outubro permanecerá aberta na casa da Cultura a exposición Metagénesix, que nos introduce nas creacións dunha decena de estudios de arquitectura galegos. Neles traballan profesionais nacidos nos anos 70 que comparten unha mesma visión: a arquitectura próxima á sociedade e adaptada ás circunstancias de cada momento.

A exposición recolle 20 traballos de 10 arquitectos/equipos seleccionados a partir dunha convocatoria aberta á que se presentaron máis de 200 obras. Debido á cantidade e calidade das propostas decidiuse ampliar o proxecto Metagénesix apoiándose no programa cultural da Librería Formatos, Intemción, para dar voz a outros 20 arquitectos ou equipos agrupados en charlas temáticas (Oportunidades, Vivenda +, Espazo Dotacional, Re·habitación, Espazos de Atención), quen expuxeron as súas obras na librería durante a edición de 2011.

Baixo o título de Metagénesix preséntase unha mostra da Nova Arquitectura que se realiza en Galicia. “Neste tempo de temores e inestabilidades, aparece unha nova xeración “alterada” e “alternante”, formada maioritariamente en Galicia, que xera un gran optimismo pola calidade e cantidade dos seus traballos”, asegura a descrición da exposición. 

Trátase dun proxecto de difusión que quere poñer en valor o traballo realizado polos novos arquitectos e arquitectas. Metagénesix ten como antecedente as Olladas de Perto organizadas na ETSA da Coruña durante os últimos 5 anos e busca sacar a arquitectura do ámbito académico para achegala á sociedade que, ao cabo, é a súa destinataria final.

Os creadores e creadoras de espazos que participan na mostra rexeitan a “arquitectura mediática dos últimos anos onde primaba o espectáculo, o supérfluo, que provocou a ampliación da fenda existente entre arquitecto e sociedade”. Segundo din, co seu traballo creativo promoven “outro xeito de entender e proxectar arquitectura. Unha arquitectura de proximidade que asume as limitacións propias do momento, do lugar, do encargo, as inquedanzas do promotor para transformalas en oportunidades”.

Metagénesix é unha exposición itinerante que reflicte unha filosofía construtiva a través de paneis explicativos das distintas solucións adoptadas para unha vintena de proxectos, desde vivendas até cemiterios, pasando por escolas, adegas ou cantinas. Un dos paneis ocúpase da rehabilitación como centro social da antiga escola da Seara, en Ferreira, obra do estudio de arquitectura ferrolán Oxíxeno. A mostra permanecerá aberta até o 31 de outubro e poderá visitarse na casa da Cultura entre as 8.30 e as 14.00h. e de 15.30 a 20.30h de luns a venres.

1 de outubro de 2013 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.