Unha exposición na praza de María Pita exhíbe fotografías en 78 comercios da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá unha exposición fotográfica da praza de María Pita, unha actividade que se suma a outras iniciativas realizadas polo Concello e a Fundación Emalcsa, como as visitas virtuais ao Pazo Municipal a través da aplicación informática Arte ao descuberto.

O alcalde indicou que esta exposición conxuga a historia da praza de María Pita coa promoción do comercio local, pois as 91 fotografías que conforman a mostra se exhibirán en 78 establecementos do centro da cidade e do casco histórico; un formato que, en palabras de Carlos Negreira, recorda á primeira exposición que realizou Picasso na Coruña en 1895 no escaparate do número 20 da rúa Real.

“Se o pasado ano celebramos o Bicentenario de San Amaro, en 2013 fixamos a nosa atención na praza de María Pita, que foi o eixe dun importante calendario de actividades. É unha praza que viviu moitos e intensos momentos de todos os coruñeses”, destacou Carlos Negreira, quen recordou as orixes da praza: “En 1840 sitúan os historiadores o xerme da praza, co derrubamento das murallas que ata entón dividían a Cidade Alta e a Peixaría. En 1876 inaugúrase ese espazo, pois é cando se bautiza como praza de María Pita. Xa en 1913, xusto hai cen anos, celebrouse unha gran verbena na que se ocupa socialmente esta praza, unha celebración que foi recreada o pasado mes de agosto dentro das Festas de María Pita,”.

O alcalde agradeceu á Asociación Zona Comercial Obelisco e á Asociación de Comerciantes da Cidade Vella que colaboren co Concello e a Fundación Emalcsa nesta exposición fotográfica sobre a praza de María Pita, así como á Fundación Novacaixagalicia e aos fotógrafos Alberto Martí e Xosé Castro, que cederon as súas imaxes para esta nova iniciativa. “Esta exposición abre unha ventá ao recordo para estar mellor preparado para o futuro. Se algo caracteriza a esta cidade é que ten un gran pasado e esperamos entre todos construír un gran futuro”, afirmou Negreira.

OUTRAS INICIATIVAS

O alcalde da Coruña sinalou que, xunto a esta exposición, o Concello promoveu outra serie de iniciativas, como a aplicación virtual Arte ao descuberto que permite realizar visitas ao Pazo Municipal e á praza de María Pita. Carlos Negreira destacou o éxito desta actividade, utilizada por 10.520 persoas, é dicir, preto de 1.000 visitas mensuais. A maiores, máis de 1.000 persoas descargáronse esta aplicación nos seus teléfonos móbiles e 800 persoas participaron nas visitas presenciais organizadas pola área de Turismo.

30 de outubro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.