Unha empresa de Cambre doa 70 quilos de comida á Despensa de Alimentos Municipal
Unha empresa de Cambre, “Xoguetín”, unha tenda de xoguetes situada no Graxal, na parroquia do Tempero, doou hoxe á Despensa Municipal de Alimentos case 70 quilos de comida despois de levar a cabo unha campaña de descontos nos seus produtos durante as últimas semanas.
Trátase dunha acción altruísta que demostra o interese de comerciantes e veciños pola situación que atravesan moitas persoas ante a situación actual de crise económica. Xoguetín puxo en marcha unha campaña de venda cun desconto de 10% nos seus xoguetes sempre que o cliente doase algún produto alimenticio. A concelleira de Servizos Sociais, María Jesús González, acudiu esta mañá a Xoguetín para agradecerlle esta campaña solidaria.
“Este tipo de actos solidarios demostran o moito que valen os nosos veciños e comerciantes que están concienciados coa época que vivimos a causa da crise. Estamos moi agradecidos a Xoguetín porque na Despensa de Alimentos todo suma. Quero recordar tamén o labor dos voluntarios de Cambre que xestionan a Despensa Municipal de Alimentos cada día e que fan un traballo excelente que debe ser recordado”, destacou a edil.
A Despensa Municipal de Alimentos está situada no Campo de Fútbol de Dani Mallo e alí os voluntarios do concello e os técnicos de Servizos Sociais garanten que os alimentes cheguen o antes posible ás familias que máis o necesiten.











