Un técnico do Concello de Ourense colabora en Nicaragua coa ONGD Inprhu no eido turístico
Persoal dos concellos de Ferrol e Ourense atópanse este mes en Cabo Verde e Nicaragua, respectivamente, para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado en países do Sur dirixido aos cadros das Deputacións e Concellos socios da entidade. O técnico de Turismo do Concello de Ourense, Emilio Cuíñas, apoia a ONGD nicaragua Inprhu-Somoto, e a directora da casa de acollida de mulleres ferrolá, María Jesús Olivares, está a cooperar coa municipalidade caboverdiana de Porto Novo na promoción da igualdade de xénero
Emilio Cuíñas está comprobando a andaina do modelo de desenvolvemento rural impulsado polo Instituto de Promoción Humana-Somoto co apoio do Fondo Galego, no que o turismo constitúe un factor clave. Amais de achegar os seus coñecementos técnicos ao respecto, puido participar en diferentes obradoiros encamiñados a mellorar as condicións de vida das comunidades campesiñas.
Pola súa banda, e despois de revisar a lexislación caboverdiana ao respecto e intercambiar experiencias cos diversos actores que traballan a prol da igualdade entre homes e mulleres, María Jesús Olivares áchase agora analizando os datos recompilados a fin de deseñar posibles propostas conxuntas para as necesidades futuras. Ao tempo, puido supervisar in situ o último proxecto de cooperación internacional cofinanciado polo Fondo Galego na Cámara de Porto Novo, cunha importante achega do Concello de Vigo, para mellorar a calidade de vida mediante un correcto tratamento dos residuos urbanos.
Ambos os dous están a compartir as súas vivencias e a realidade na que están inmersos a través do blog http://vacacionscontraballo.wordpress.com/, onde tamén visibilizan os proxectos apoiados polas administracións locais e provinciais galegas. Á volta, continuarán sensibilidando a prol da solidariedade fronte as desigualdades con distintas actividades de difusión.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











