Un roteiro entre Francos e o Castro Lupario abre as actividades do San Martiño 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Este domingo 3 de novembro comezan as actividades do cartel do San Martiño 2013, a cita festiva do outono en Teo e na Comarca, sobre todo entre os amantes do mundo do cabalo. A feira cabalar do San Martiño celébrase o 11 de novembro na carballeira de Francos, na parroquia de Calo. E para ir abrindo boca esta fin de semana organízase un roteiro dende o lugar de Francos e o Castro Lupario.

Esta actividade, na que xa están inscritas medio cento de persoas, comezará ó redor das 10:30 horas na escola de Francos. Alí realizarase unha pequena introducción inicial e mostra de fotografías de pezas localizadas no Castro nunha sondaxe explorativa realizada nos anos 70. Trátase dun paseo de dificultade baixa de preto de cinco quilómetros. Despois de subir ó Castro Lupario voltarase ó lugar de saída por Angueira de Castro e o Faramello.

O día 8 de novembro na mesma escola haberá un contacontos ás 21:00 horas. Celso F. Sanmartín será o encargado de contar historias nos días previos á festa. O día 10 de novembro organízase a primeira ruta de BTT San Martiño que comezará ás 09:30 horas. Pola tarde dende as 20:00 horas actuará a charanga Pola cora e a formación Os Trebóns. Nesa xornada de véspera e tendo en conta que coincide cun domingo o campo da feira xa contará con numerosos polbeiras e postos de comida, xa que nos últimos anos moita xente xa se achega ó recinto nesa xornada previa.

O 11 de novembro haberá postos de artesanía, produtos ecolóxicos e mostra de animais de razas autóctonas que acompañarán o espíritu da feira, o intercambio comercial dos cabalos. A compra venda deses animais é a razón de ser dunha feira con cinco séculos de historia.  

O día do San Martiño haberá en Teo vendedores e compradores de cabalos que estarán acompañados doutros vendedores de produtos dende alimentación, ferramenta, maquinaria agrícola e mesmo roupa e calzado. Os postos de polbo, que funcionarán dende primeira hora da mañá, son outros dos clásicos da feira.

31 de outubro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.